O PSOE, PP e Vox impiden que se investiguen no Congreso as espionaxes
O portavoz do grupo socialista no Congreso do Estado español, Héctor Gómez, lamentou que Juan Carlos I non aproveitase a súa estancia no territorio do Estado para "dar explicacións" á cidadanía sobre o seu comportamento.
Porén, deixou claro que o PSOE non contempla neste momento nin reformar a figura da inviolabilidade do rei nin dar vía libre a unha comisión de investigación parlamentaria sobre as actuacións do emérito.
Nunha rolda de prensa no Congreso, Gómez comentou que Juan Carlos de Borbón "sempre ten aberta a vía" para dar a súa versión sobre as informacións que circularon sobre el nos últimos anos, con independencia de que a Fiscalía teña decidido non abrir causa sobre as mesmas.
Ao seu xuízo, a pasada fin de semana perdeu "unha oportunidade esdrúxula e maiúscula" para facelo, mais sempre pode dalas no futuro. Segundo os socialistas, ese "exercicio de transparencia" con respecto a asuntos sobre os que segue habendo unha "nebulosa" e "espazos de dúbida" contribuiría a "fortalecer" a institución monárquica que agora lidera Felipe VI.
Así, o PSOE continua reclamando "explicacións públicas" ao rei emérito, mais non considera necesario que estas se ofrezan no Congreso e mantén "fechada" a vía da comisión de investigación que reclaman tanto os seus socios de Unidas Podemos como as forzas que apioaran a investidura do actual presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez.
E tampouco está disposto a abrir o debate sobre a regulación da figura da inviolabilidade do rei para limitala aos seus actos como Xefe do Estado, pero non á súa vida privada. "Non contemplamos abrir ese espazo", dixo Gómez, a pesar de que o propio Pedro Sánchez mostrouse no seu momento partidario de analizar esa posibilidade.
PSOE, PP e Vox vetan investigar as 'cloacas'
PSOE, PP e Vox uniron os seus votos na Xunta de Portavoces desta terza feira para rexeitar a apertura no Congreso do Estado español dunha comisión de investigación sobre as 'cloacas' do Estado.
Segundo explicou o portavoz do grupo socialista, Héctor Gómez, cuxa formación recoñeceu a existencia dunha trama parapolicial á marxe da lexislación a través doutras dúas comisións, "o obxecto real para tratar estes temas é a Comisión de Gastos Reservados", constituída na Cámara Baixa fai escasas semanas despois de coñecerse a espionaxe masiva no Estado español.
Unidas Podemos, o BNG, ERC, EH Bildu, Junts, PDeCAT, CUP e Compromís pediron o pasado 12 de maio unha comisión de investigación sobre as chamadas 'cloacas do Estado' para saber se estas estruturas parapoliciais do Estado están detrás do caso Pegasus e para investigar os interrogantes que seguen abertos.
Luz verde á colaboración do CNI na investigación da espionaxe ao Executivo
O Goberno español autorizou ao Centro de Intelixencia do Estado español (CNI) a que colabore co xuíz da Audiencia Nacional, José Luis Calama, na investigación que está a levar a cabo en segredo sobre a espionaxe que sufrirían con Pegasus o presidente do Executivo, Pedro Sánchez, a ministra de Defensa, Margarita Robles, e o de Interior, Fernando Grande-Marlaska, a través dos seus teléfonos móbiles.
Calama abriu dilixencias previas o pasado 26 de abril, apuntando a posíbeis delitos de descubrimento e revelación de segredos, despois da denuncia presentada pola Avogacía do Estado pola infección dos móbiles de membros do Executivo do Estado español con este software espía israelita.
O portavoz de Unidas Podemos no Congreso, Pablo Echenique, valorou de forma positiva este visto bo, mais cre que debería facerse tamén nos casos de espionaxe nos que afectaron a dirixentes soberanistas.