Protestas contra a inflación, a perda de valor salarial e a guerra percorren Europa

Manifestación en Francia a semana pasada durante a folga xeral para pedir medidas contra o aumento do custo da vida. (Foto: Jan Schmidt-Whitley / Le Pictorium / DPA)
A onda internacional de mobilizacións contra a crise chega a Italia, que acollerá unha protesta para demandar o final da guerra en Ucraína vinculándoa co aumento dos prezos, despois dunha sucesión de mobilizacións no continente reclamando medidas urxentes.

As manifestacións que se espallaron ao longo das últimas semanas por Estados como Bélxica, Alemaña, Hungría, Francia ou Reino Unido exixiron que os Executivos europeos tomen accións decididas para conter a suba no custo da vida, reflectido nun nivel de inflación que alcanzou 9,9% na Unión Europea (UE).

Entre os motivos que explican esta situación están as consecuencias derivadas da guerra en Ucraína, o argumento máis utilizado pola UE e os Estados Unidos (EUA), mentres que desde Rusia acusan as sancións introducidas por estes territorios de xerar este aumento.

Porén, antes da invasión, a UE xa se situaba na contorna do 6% de inflación. Aínda que poucas destas mobilizacións ían directamente enfocadas a criticar a adhesión á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) e ao bloque comunitario no marco da guerra, como a que decorreu en Praga (Chequia); en varias das marchas máis numerosas, como as da folga xeral en Francia a semana pasada, medios internacionais salientaron a presenza de carteis e reclamacións en contra dos efectos da guerra en Ucraína e da posición da alianza militar, considerando que está alongando o conflito.

Nesa liña, a plataforma Europe For Peace, integrada por múltiples asociacións italianas e forzas sindicais como a Confederación Xeral Italiana do Traballo (GGIL), a máis importante do país transalpino, lanzou un chamamento para a primeira manifestación masiva o 5 de novembro en Roma para pedir un alto o fogo e pór fin ao conflito armado en Ucraína, mais tamén acabar co “alto prezo” que están a pagar as clases populares italianas por mor da guerra.

Sen entrar nas orixes desta situación, o secretario xeral da CGIL, Maurizio Landini, incidiu en que “a inflación chegou a niveis insostíbeis con consecuencias dramáticas para os colectivos sociais máis pobres, sectores económicos enteiros corren o risco de colapsar por falta de materias primas e polo custo da enerxía”, alertando das implicacións das “crises alimentarias” en países cun alto grao de inestabilidade.

No que atinxe á guerra, Landini condenou “a agresión rusa e a inaceptábel invasión de Ucraína”, lembrando as iniciativas do sindicato para “apoiar e axudar o pobo ucraíno”, laiándose do sufrimento da poboación e das vítimas civís, e alertando de que “a ameaza nuclear é cada vez máis concreta”.

Os gobernantes teñen que entender que “as guerras son insostíbeis desde o punto de vista social, humano e climático” e pediu un alto o fogo inmediato que supoña a apertura dunha negociación real “con plena implicación da ONU” que permita dar os primeiros pasos para “reducir o gasto militar e eliminar as armas nucleares en favor de investimentos para loitar contra a pobreza e garantir un traballo digno”.

Malia que desde Italia piden á poboación do continente que se comprometa neste sentido, nin a OTAN nin a UE semellan dispostas a impulsar un proceso de negociación após negarse a alianza militar e os EUA a negociar con Rusia antes do comezo da invasión, ao tempo que na actualidade reiteran que apoiarán Kíiv incluso en contra da posición da súa cidadanía.

Arredor desta cuestión, precisamente, foi a petición de comezar un proceso de diálogo entre a OTAN e Rusia a que forzou a dimisión esta segunda feira do ministro de Defensa de Romanía, Vasile Dincu, que xa fora desacreditado polo seu Executivo, que fixo fincapé en que é Ucraína a que ten que tomar esa decisión, posición que ao tempo ratificou o presidente francés, Emmanuel Macron.

Guerra en Ucraína

O Ministerio de Defensa ruso volveu denunciar esta segunda feira que Kíiv planea detonar unha bomba nuclear de baixo rendemento para culpar Moscova de utilizar “armas de destrución masiva en Ucraína”. A este respecto, o Organismo Xeral de Enerxía Atómica fixo público que aceptou a proposta de Ucraína de enviar unha misión urxente ao país para avaliar a advertencia efectuada polas autoridades rusas.

Pola súa parte, o líder alemán, Olaf Scholz, fixo público que defenderá unha misión de reconstrución de Ucraína tras a guerra  e antes da súa entrada na UE.