Recrúa o conflito Catalunya-Estado

Prisión sen fianza para os líderes dos colectivos soberanistas catalás

Salto cualitativo no confronto entre Catalunya e o Estado. A xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela acaba de enviar a prisión, incondicional e sen fianza, a Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, sob a acusación de sedición.

Jordi Sánchez e Jordi Cuixart.
photo_camera Sánchez e Cuixart

O encarceramento de Jordi Sànchez e Jordi Cuixart -presidentes da Assemblea Nacional Catalá e Òmnium Cultural- é unha medida cautelar que adopta a xuíza da Audiencia Nacional, Carmen Lamela, que lles imputa a comisión dun delito de sedición por pretensamente liderar os protestos que o pasado 20 de setembro se produciron na cidade de Barcelona após a intervención da Garda Civil contra consellarías do Govern, saldada con detencións de altos cargos.

Sànchez e Cuixart son figuras moi relevantes do tecido social soberanista e o seu encarceramento significa unha nova escalada na tensión entre Catalunya e o Estado español, nun momento en que o Goberno de Rajoy continúa a amagar coa activación do artigo 155, o que deixaría en suspenso o autogoberno.

A xuíza encarcera Sànchez e Cuixart, mais deixa en liberdade con medidas cautelares -retirada do pasaporte, proibición de saír do Estado español, comparecencia perante o xulgado cada día 15 días- o chefe dos Mossos D'Esquadra, Josep Luís Trapero.

O delito de sedición envolve penas de prisión que até poden chegar aos 15 anos de prisión.

Comentarios