Presentan un acordo de Goberno en Alemaña. Scholz será chanceler

Olaf Scholz, no centro, novo chanceler. (Foto: Kay Nietfeld / dpa)
O SPD gobernará esta lexislatura cos Verdes e o FDP após un acordo de Goberno negociado nos últimos dous meses, o que converterá o socialdemócrata Scholz no vindeiro chanceler en substitución de Angela Merkel.

Apenas 48 horas antes de que se fixeran dous meses das eleccións federais do 26 de setembro en Alemaña, representantes do Partido Socialdemócrata (SPD), Os Verdes e o Partido Liberal (FPD), anunciaron esta cuarta feira que chegaron a un acordo de Goberno para formar a denominada coalición semáforo -polas cores das formacións-.

O pacto converterá o socialdemócrata Olaf Scholz no vindeiro chanceler alemán nunha sesión no Bundestag (Parlamento) o vindeiro 6 de decembro, en substitución de Angela Merkel, que ocupou o cargo os últimos 16 anos.

O ascenso do SPD chega despois do derrubamento electoral da CDU/CSU, a forza conservadora á que pertence Merkel, coa que compartiron Goberno. A pesar da caída, mantivéronse a menos de dous puntos do SPD. 25,74% contra 24,07%.

A inédita coalición terá como vicechanceler a Robert Habeck, dos Verdes, que obtiveron o terceiro posto co 14,75% dos sufraxios, segundo informou a canle Ntv.

Repartimento de carteiras

No que atinxe ao repartimento de carteiras, o SPD queda con Saúde, Vivenda, Interior, Traballo e Asuntos Sociais, anunciou o medio público ARD, mentres Os Verdes fanse co macroministerio de Economía e Medioambiente, e máis co de Exteriores. O último socio do acordo, o FDP, xestionará o Ministerio de Finanzas, Xustiza, Transportes e Educación, após facerse co 11,46% dos votos.

O documento ratificado polas negociadoras e negociadores das tres formacións políticas ten que ser aprobado aínda pola dirección dos partidos. SPD e FDP farano nun congreso a comezos de decembro, ao tempo que Os Verdes consultan coa militancia.

Punto de inflexión

Os medios alemáns destacaron a celeridade do acordo, que chega máis cedo que nos dous anteriores períodos lexislativos, así como o bo ambiente e a lealdade coa que se desenvolveron as negociacións; un dos principais integrantes do diálogo confesou a Deutsche Welle que supón “un punto de inflexión para a cultura política” do país.

Despois do resultado das eleccións lexislativas en setembro, as únicas posibilidades para formar un Goberno pasaban pola coalición que se vén de acordar ou polo retorno a un Executivo entre SPD e CDU/CSU, mais nesta ocasión liderado polos socialdemócratas, após rexeitar Os Verdes e o FDP que os conservadores mantiveran a cabeza do gabinete.