As mocidades dos Verdes opóñense á coalición "Xamaica" en Alemaña

Merkel felicita a Scholz polo "éxito electoral" do SPD nas eleccións xerais do domingo, desacreditando a Laschet.
EuropaPress_3965602_27_september_2021_berlin_l-r_election_posters_of_the_cdu-csu_with_armin
photo_camera Carteis electorais en Berlín dos catro primeiros partidos nas eleccións xerais do domingo (Foto: Kay Nietfeld / dpa)

A presidenta do Goberno de Alemaña, Angela Merkel, felicitou o líder do Partido Socialdemócrata (SPD), Olaf Scholz, pola vitoria nas eleccións xerais, segundo confirmou un portavoz a través dun comunicado. "A chanceler, na segunda feira, felicitou a Olaf Scholz polo seu éxito electoral", apuntaba a nota publicada esta cuarta feira.

Nos comicios do pasado domingo, o SPD venceu por unha estreita marxe ao partido de Merkel, a Unión Demócrata Cristiá (CDU). Porén, o seu candidato, Amir Laschet, insiste en que aínda pode ser chanceler. Pola contra, Scholz sostén que só el está lexitimado pola cidadanía para tentar negociar unha coalición de Goberno.

O Partido dos Verdes e o Partido Democrático Libre (FDP) son as dúas patas das tres que necesitará ese Executivo para ser referendado por unha maioría parlamentaria.

Os Verdes e o FDP mantiveron onte unha reunión que se interpreta como unha forma de sumar forzas de cara á negociación, for co SPD (coalición "semáforo"), for coa CDU (coalición "Xamaica").

Neste sentido, as mocidades do partido ecoloxista manifestaron a oposición a gobernar cos conservadores. "Para nós, está claro que Laschet non debe ser chanceler", sinalou a voceira da organización xuvenil, Anna Peters. 

Outra opción, cada vez máis afastada de se concretar é a reedición da Gran Coalición entre SPD e CDU. O deputado e dirixente dos socialdemócratas Udo Bullman afirmou onte que "o noso electorado agarda que formemos unha coalición de partidos que moldeen o futuro, non que miren ao pasado".

Sen acordo en Noruega

Por outra banda, o Partido da Esquerda Socialista (SV) retirouse onte das negociacións para unha maioría de Goberno en Noruega co Partido Laborista (AP) e co Partido do Centro (Sp). O AP, gañador das xerais do 13 de setembro, buscará agora liderar un Goberno en minoría.

Comentarios