A segunda edición do foro Diálogos Gallaecia, que decorreu hoxe en Porto coa participación do presidente da Cámara municipal, Rui Moreira, e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, serviu para que este último apostara nun marco de "descentralización" de España. O mesmo discurso fixo Moreira, neste caso no que se refire a Portugal.
Para amosar a súa aposta por que non todo pase por Madrid, o tamén líder do PP galego defendeu a necesidade de que os Gobernos español e luso pensen de forma prioritaria en que os fondos europeos vaian destinados ás conexións ferroviarias da fachada atlántica, "chaves para a competitividade da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal".
Segundo asegurou, hai que aproveitar a "oportunidade que supón o Corredor Atlántico ferroviario para reforzar a capacidade loxística do córner do noroeste peninsular, coas conexións ferroviarias a Punta Langosteira, xa encamiñada, e a Saída Sur de Vigo, cuxo estudo para valorar as distintas alternativas acaba de ser licitado polo Ministerio de Transportes".
Nesta liña afirmou estar satisfeito porque o Executivo portugués xa dera mostras de que o seu interese é conectar primeiro Vigo con Porto, dando lugar despois a un eixo que mellore a mobilidade entre A Coruña e Lisboa.
Quer Moreira, quer Feixoo -que prometeu seguir apostando na eurorrexión, malia as críticas recibidas polo fechamento perimetral da Galiza sen atender ás circunstancias particulares da 'raia' nin instar ao Goberno do Estado a facelo, destacaron as consecuencias da centralización en España e Portugal.
Sen provocar problemas de "gobernabilidade"
Segundo recolle Europa Press, o responsábel da Xunta da Galiza puxo a xestión da "nacionalidade histórica" galega como exemplo de "solvencia" e de lealdade co Estado. "Non causamos ningún problema de gobernabilidade nin tampouco á actividade económica", recalcou, fronte a Catalunya, antes de salientar que "descentralización non ten que levar o incremento de gasto".
Así dixo ser "firme defensor da descentralización desde a responsabilidade" porque a "recentralización é un perigo que pode destruír o país". Tras semanas de novas sobre as eleccións e o resultado en Madrid, opinou: "Madrid non é España, é a capital".
Mais após estas declaracións, fontes de Vox afirmaron que ven a Feixoo como a persoa que lidera a corrente popular de "cortar España [no sentido de dividir] e dar todo o poder ás comunidades autónomas".