Rede transeuropea de transporte

O Corredor Atlántico deixa fóra Galiza

O Corredor Atlántico parte de Alxeciras con destino Francia, para conectar con toda a potente e imprescindíbel rede transeuropea de transporte de mercancías, que leva até o norte do continente. Pasa polo centro de Portugal para se desviar cara á meseta castelá e desde alí (con ‘ramal’ a Madrid) tirar cara a Burgos e Euskadi e pasar entón os Pirineos. Galiza fica totalmente á marxe dun nodo fulcral no deseño europeo do transporte de mercadorías. Por que? A responsabilidade hai que procurala máis en Madrid que en Bruxelas. Escribimos sobre este corredor no Sermos Galiza 242. 

O trazado do Corredor Atlántico

“Quen non estea na rede transeuropea de transporte de mercancías que se prepare para ser un cero á esquerda”. A afirmación atribúese a Siim Kallas, estonio e ex-comisario europeo de Transportes, e debería preocuparnos. Nomeadamente porque Galiza non está agora, nin se agarde que estea, nesa rede de conexión para potenciar o transporte de mercancías no vello continente e que vai desde Alxeciras até o extremo norte de Europa. E Galiza non está embora o Estado español presentase a Bruxelas un ‘Corredor Atlántico’ que, canda o ‘Corredor Mediterráneo’, constitúe proxectos que logran millóns e millóns de euros de fondos europeos, vía programa Conecta Europa, que consagran Madrid como emporio radial.

4Ficar fóra deste esquema supón, indica o economista Luís Ordóñez, que “Galiza vai estar desconectada dos principais correctores europeos, afondando na súa condición periférica”. Un malestar e preocupación que partilla Alberto González, un dos impulsores da Plataforma para o impulso da loxística no Noroeste, que naceu recentemente como lobby para inserir esta esquina peninsular nesa rede de transporte: o trazado actual implica “unha marxinación” e unha “desconexión”, o que terá consecuencias, e non pequenas.

Mais esta situación non é produto dun malfado nin dun meigallo, senón de decisións políticas concretas. En febreiro deste ano o Ministerio de Fomento excluía o noroeste da Península dos fondos da Unión Europea para o Corredor Atlántico. Na proposta remitida por este departamento do Estado a Bruxelas para solicitar financiamento de Conecta Europa non figuraban as demandas galegas.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 242 do Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios