Portugal dá por controlado o lume nun petroleiro fronte ao Porto

Polo de agora non se reportaron derrames de combustíbel no buque, que transportaba gasóleo e combustíbel para avións.
Buque incendiado en Portugal. (Foto: Marinha Portuguesa)
photo_camera Buque incendiado en Portugal. (Foto: Marinha Portuguesa)

A Capitanía do Porto, en Portugal, comunicou onte que o incendio nun buque petroleiro fronte á cidade ficou “controlado” mais segue activo, máis de 16 horas despois de declararse o lume a pasada terza feira cando se atopaban no barco 19 tripulantes de nacionalidade filipina que foron evacuados. Ningún deles resultou ferido de gravidade.

Pola súa parte, a Capitanía de Aveiro sostivo que a estrutura do barco permanece intacta e que non se produciu ningún derrame do gasóleo e combustíbel de avión que transportaba o Greta K, que ten bandeira de Malta é foi construído en 2016, mentres que as Forzas Armadas sinalaron que están a preparar os equipos necesarios para combater a contaminación no caso de que se produza. En paralelo, o Instituto Hidrográfico despregouse para facer seguimento de potenciais manchas de fuel.

Nese sentido, Salvamento Marítimo na Galiza cualificou a situación a apenas 80 km da costa galega como “seria”.

O primeiro aviso do lume foi recibido polo centro de control de Salvamento de Lisboa ás 15.30 da terza feira, cando o barco se atopaba a uns tres km da liña de costa en dirección ao porto de Leixões. Nese momento foron enviados tres remolcadores e dúas embarcacións de rescate, que afastaron o buque a unha distancia de 18 km da costa, coa previsión de que unha vez extinguido o incendio sexa remolcado a Leixões. Polo de agora, os remolcadores tratan de arrefriar as estruturas do Greta K con chorros de auga. O capitán do porto, Silva Rocha, explicou que o lume comezou na sala de máquinas, activando o protocolo para illar o compartimento.

En todo caso, apuntou que está previsto que un equipo entre no barco para avaliar a situación, e puxo o foco en que a principal preocupación é “tratar de entender cal é a orixe do lume e se pon en risco a seguridade dos equipos”. Rocha ratificou que onte “aínda se vía saír fume negro pola cheminea do barco”.

Investigación sen carácter xudicial

Asemade, avanzou que se efectuará unha investigación administrativa e técnica para desvelar o acontecido que non terá carácter xudicial, aínda así, o capitán do Greta K foi trasladado á fragata Corte-Real da Marinha Portuguesa, que se desprazou ás inmediacións.

Fontes de Salvamento Marítimo no Estado español transmitiron a medios estatais que ofreceron a súa colaboración aos seus homólogos portugueses, que lles comunicaron que “non é precisa”.

Comentarios