Alerta en Portugal polo incendio nun buque petroleiro que segue activo 16 horas despois

Atópase a 11 millas da costa de Foz do Douro, no distrito do Porto.
O petroleiro incendiado fronte á costa portuguesa. (Foto: Estela Silva / Axencia Lusa)
photo_camera O petroleiro incendiado fronte á costa portuguesa. (Foto: Estela Silva / Axencia Lusa)

*Información actualizada ás 14.35 horas

O capitán Silva Rocha, do porto de Leixões, informou esta cuarta feira á axencia Lusa de que se realizará esta mesma tarde unha primeira entrada e unha verificación dos parámetros de seguridade no barco petroleiro Greta K, onde se produciu un incendio na terza feira. Segundo o capitán, o buque atópase a uns 20 quilómetros do porto de Leixões, asistido por dous remolcadores de porto, un bote salvavidas e un buque da Policía Marítima.

"Á primeira hora da mañá chegou ao lugar a fragata Corte-Real da Armada portuguesa para desembarcar o capitán e os outros dous tripulantes que permanecían no remolcador perto do buque, quen prestaron os consellos e información necesarios aos equipos técnicos", dixo o funcionario.

Sobre o incendio, Silva Rocha asegurou que "aínda se ve saír algo de fume negro pola cheminea". "Esa é unha das preocupacións, tratar de entender cal é a súa orixe e se pon en dúbida a seguridade dos equipos que agora están a entrar", precisou.

Polo de agora, asegurou, "non hai ningún perigo de contaminación" derivada deste incendio. Segundo Silva Rocha, realizarase unha investigación administrativa e técnica para coñecer a orixe e facer unha valoración inicial do problema, mais sen carácter xudicial.

"Sabemos que comezou e estivo confinado na sala de máquinas, e de inmediato púxose en marcha o procedemento para estes casos, que é o illamento completo do compartimento, fechando todo o que puidese deixar entrar aire e combustíbel, e un circuíto fixo de extinción de incendios actívase para extinguir o lume automaticamente", dixo.

Silva Rocha agregou que, após estes trámites, será preciso avaliar a diminución da temperatura da sala de máquinas e se hai condicións para volver ingresar á nave. Segundo a Armada portuguesa, a alerta deuse arredor das 15.30 horas da terza feira ao seu Centro de Coordinación de Procura e Salvamento Marítimo (MRCC) en Lisboa.

O buque ten bandeira maltesa e navegaba a unha milla e media da costa, perto de Foz do Douro (distrito do Porto), con 19 persoas a bordo, todos cidadáns filipinos. Segundo o capitán de porto de Leixões, non se derramou combustíbel e o barco mantivo a súa integridade física.

Comentarios