A Policía incautouse da pistola dun militar en activo presente nas protestas de Ferraz

A Policía española interveu este sábado 18 de novembro unha pistola a un alférez do Exército de Terra, destinado na Academia Xeral de Zaragoza, presente nas protestas ante a sede do PSOE, informaron fontes policiais.
A Policía española rexistra un manifestante que acudiu este sábado 18 á sede do PSOE en Ferraz. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).
photo_camera A Policía española rexistra un manifestante que acudiu este sábado 18 á sede do PSOE en Ferraz. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).

A intervención produciuse sobre as 22 horas no filtro de seguridade na rúa Marqués Urquijo que cada noite dispón a Policía na zona desde hai dúas semanas.

Os axentes incautáronse da arma coa súa guía de pertenza (documento que identifica a arma) e a TIP (Tarxeta de Identificación Profesional).

A Policía propuxo por estes feitos unha sanción por infracción a Lei Orgánica 4/2015 de Protección da Seguridade Cidadá, coñecida popularmente como Lei mordaza.

Dúas semanas de protestas

Este sábado tivo lugar a décimo sexta xornada de protestas nas inmediacións de Ferraz. A concentración reuniu unhas 1.500 persoas, segundo a Delegación do Goberno.

Ao redor das 23 horas, a Policía española comezou coas cargas aos manifestantes encapuchados máis radicais que se atopaban en primeira fila, despois de que empezasen a patear e envorcar os valos que protexían a sede do PSOE en Ferraz.

Detencións

A Policía española detivo a seis homes, todos maiores de idade, durante a concentración en protesta pola Lei de amnistía, informou a Delegación de Goberno en Madrid.

En concreto, dous dos detidos foron arrestados por desordes públicas e atentado a axente da autoridade, un por desordes públicas e os outros tres por atentado, resistencia e desobediencia aos axentes e ameazas.

Comentarios