O Poder Xudicial analiza mañá o informe que defende que se pode facer apoloxía do franquismo mentres non se humille ás vítimas

Restos de 34 persoas exhumadas que foron asasinadas polo franquismo despois do final da guerra civil, esta semana en Madrid (Foto: ARMH Memoria Histórica)
O Consello Xeral do Poder Xudicial terá que tomar unha decisión na súa xuntanza de mañá sobre o informe das vogais Roser Blanch e Wenceslao Olea, no que critican o proxecto de Lei de memoria histórica.

Despois do rebumbio xerado o transcender que o informe do órgano sobre o Anteproxecto de Lei de memoria histórica consideraba que a norma vulneraba a liberdade de expresión por pór coto a apoloxía do franquismo avalada legalmente, o Consello Xeral do Poder Xudicial terá que tomar unha decisión a partir de mañá, cando analicen o documento.

No informe, as vogais Roser Blanch e Wenceslao Olea afirman que a apoloxía franquista de determinadas fundacións está amparada pola lei en tanto non se humille ás vítimas.

Nun primeiro intre, nin Blanch nin Olea foron designados para desenvolver o informe, mais a falta de consenso entre as dúas persoas que foras electas anteriormente obrigou o Goberno das xuízas e xuíces a optar por elas para impulsar a elaboración do texto.

Entre os reparos que as redactoras puxeron a proposta da vicepresidenta primeira e ministra de Presidencia, Relación coas Cortes e Memoria Democrática, Carmen Calvo, está o papel da Fiscalía e que a apoloxía do franquismo sirva como causa de extinción de fundacións ou asociacións, pedindo precisar máis este precepto na lei. 

Tamén cuestiona a extinción de entidades que “non persigan fins de interese xeral ou realicen actividades contrarias”.

Tutela asimétrica

Outra das preocupacións de Blanch e Olea e que o texto do Goberno do Estado xere unha tutela “asimétrica” das violacións de dereitos humanos nese período histórico, e dicir, que se protexan máis as vítimas -maioritarias- provocadas polo bando franquista na guerra civil española e na ditadura que a seguiu.

O proxecto de Lei encabezado por Calvo conseguiu superar o ditame do Consello Fiscal en abril grazas ao voto da fiscal xeral do Estado, Dolores Delgado.