O pobo saharauí exixe ao Estado español que deixe de apoiar “ao opresor”

Un momento do debate do ciclo 'Diálogos desde a periferia'. (Foto: Nós Diario)

O refuxiado político Hassanna Aalia recoñece, nunha sesión do ciclo 'Diálogos desde a periferia' organizada pola Fundación Galiza Sempre e Galiza Nova, que hai temor a que se converta en “humanitario”, un conflito “político”. Tamén denuncia as torturas que está a padecer incluso a poboación civil.

O conflito bélico no Sáhara debido a actuación de Marrocos obviando o acordo de alto o fogo continúa a provocar vítimas entre a poboación civil. No camiño cara a autodeterminación, o pobo saharauí demanda ao Estado español que deixe de colaborar con Marrocos, ou “co opresor”.

O refuxiado político saharauí Hassanna Aalia, que hoxe interveu nunha nova sesión de 'Diálogos desde a periferia' organizada pola Fundación Galiza Sempre, desta vez con Galiza Nova, remarcou en varias ocasións o papel que está a ter o Estado español contra o pobo saharauí, xa sea desde as Administracións políticas ou desde as empresas con intereses no lugar.

No debate 'A loita do Sáhara Occidental. Pola soberanía nacional', -no que tamén participaron a deputada do BNG no Parlamento Montse Prado e o membro da permanente de Galiza Nova, Anxo Núñez- Aalia recoñeceu que a situación “é delicada e complicada”.

Falando un pouco do contexto no que decorreu o ataque de Marrocos, comentou que activistas saharauís tentaban acabar co “roubo dos recursos naturais” por parte do país veciño na zona de Guerguerat que se producía desde 2001. A resposta foi o ataque bélico “vulnerando o alto ao fogo”.

“A Fronte Polisario e os saharauís non tiveron máis remedio que defenderse; están obrigados a retomar a loita armada pola comunidade internacional”, reflexionou.

Continuidade na loita

A pesar desa guerra, das imaxes que están a recibir de torturas, incluso a civís, e de ataques polos mesmos presos de cárceres marroquís a detidos políticos do Sáhara Occidental, o refuxiado político advertiu de que o pobo “loitará pola nosa independencia e a nosa liberdade”.

A este respecto, destacou que “miles de mozas e mozos están a deixar os seus traballos e as súas casas en todo o mundo para ir a loitar polo noso conflito”. Desde o seu punto de vista esa reacción “é algo histórico que se está a vivir como pobo”.

Na súa intervención pediu que non se lle de a volta a un conflito “político”, para convertelo en “humanitario” e pediu a España que non apoie, pero que tampouco “faga dano” do lado de Marrocos.