Crise no Perú

A Xustiza decreta 18 meses de prisión preventiva para Pedro Castillo, que se enfronta a até dez anos de cárcere

O ex presidente do Perú, Pedro Castillo. (Foto: Europa Press)
O Goberno peruano decreta o toque de recoller durante cinco días ante a intensificación das protestas e no marco do estado de emerxencia declarado na quinta feira.

O xuíz Juan Carlos Checkley atendeu a última hora da tarde desta quinta feira a petición da Fiscalía de encarcerar o ex presidente peruano, Pedro Castillo, durante 18 meses en réxime de prisión preventiva mentres as autoridades xudiciais investigan se incorreu nos delitos de rebelión, conspiración, abuso de autoridade e perturbación da tranquilidade pública após anunciar a disolución do Congreso e a instauración dun Goberno de excepción o pasado 7 de decembro.

Segundo informa o xornal El Comercio, a comisión destes delitos podería traducirse, con base nas estimacións da Fiscalía, nunha condena de entre cinco e dez anos de cadea. O propio Ministerio Público cualificou de "complexa" a investigación, que se estenderá, cando menos, oito meses.

Pola súa parte, o Xulgado Supremo de Investigación Preparatoria decretou tamén que Aníbal Torres, o ex primeiro ministro e un dos principais apoios de Castillo, deberá comparecer periodicamente ante o xuíz con certas restricións de mobilidade e conduta, dado que está a ser investigado pola mesma causa.

Toque de recoller

No marco da crecente tensión no país andino, o Goberno estabeleceu tamén na tarde desta quinta feira o toque de recoller en 15 das 196 provincias do Perú, unha medida que afecta os departamentos de Arequipa —cuxo aeroporto foi asaltado a pasada semana—, La Libertad, Ica, Apurímac, Cusco, Puno, Huancavelica e Ayacucho.

O toque de recoller ficará vixente durante os próximos cinco días, se ben podería prorrogarse posteriormente, e o seu inicio varía entre as 18 e as 20 horas en función da provincia, se ben en todos os casos remata ás 4 horas da madrugada.

O Executivo que agora encabeza Dina Boluarte aprobou esta proposta só un día despois de decretar en todo o país o estado de emerxencia para sacar o Exército ás rúas e facer fronte aos millares de persoas que protestan en diferentes cidades e vilas exixindo a convocatoria de eleccións.

"O toque de queda vai ser situacional, circunscríbese alí onde sexa necesario. Por exemplo, se houbese un aeroporto que é tomado, definitivamente aí declararase toque de queda e para recuperalo e poñelo a servizo da cidadanía, iso supoñerá que ingresará o Exército", sinalou o primeiro ministro, Pedro Angulo.