Suecia varía a estratexia anti Covid tras a suba de mortes

As reunións públicas limitaranse a oito persoas, despois de que o país ─coa mesma poboación que Portugal─ acumule xa case o dobre de mortes pola enfermidade que provoca o novo coronavirus. 
EuropaPress_3434344_hombre_mascarilla_centro_estocolmo
photo_camera Unha rúa de Estocolmo, a capital sueca, o pasado 3 de novembro (Wei Xuechao / Xinhua News)

O Goberno de Suecia, que leva adiante unha estratexia menos estrita que a maioría dos Estados europeos ante a pandemia da Covid, anunciou na segunda feira que limitará as reunións públicas a un máximo de oito persoas, unha medida que toma por primeira vez debido a suba dos contaxios rexistrados.

As reunións, que até agora podían ser de 50 a 300 persoas segundo o caso, pasarán a ser de oito individuos a partir do 24 de novembro, unha medida "necesaria" para facer baixar a curva, argumentou o primeiro ministro, Stefan Löfven.

O mandatario xustificou a medida polo menor cumprimento das recomendación, algo que considera "comprensíbel" pola longa duración da pandemia, mais salientou a importancia de actuar con rapidez para limitar o contaxio, aínda que sexa cunha decisión "sen parangón en tempos modernos". 

"A situación no noso país é complicada e á vez sinxela: vivimos nun tempo de probas. E vai empeorar. Cumpre co teu deber, asume a túa responsabilidade para frear a propagación. Non vaias ao ximnasio, nin á biblioteca, nin a cear, nin a festas. Fica na casa", dixo Löfven.

A estratexia contra o coronavirus de Suecia, o máis castigado en Escandinavia, foi até agora máis laxa que a dos seus veciños. O país, con 10,3 millóns de habitantes, desenvolveu unha estratexia sanitaria sen mascaras, nin confinamento nin fechamento de tendas, mais chamou á poboación a limitar en todo o posíbel os contactos e a teletraballar. Isto é, recomendacións, non regras  acompañadas de medidas coercitivas ou sancións, salvo nas xuntanzas públicas.

Sen inmunidade de grupo

A semana pasada o epidemiólogo xefe de Suecia e artífice da heterodoxa estratexia, Anders Tegnel, recoñeceu que a chamada "inmunidade de rabaño" no país é menor do que previamente se estimara, nun momento en que o número de falecementos diarios alcanzou o seu máximo. Suecia, coa mesma poboación que Portugal, acumula case o dobre de mortes pola Covid. 

Ademais, Tegnel recoñeceu que Suecia estaba a batallar coa segunda vaga da pandemia, malia suxerir en agosto que ese escenario era improbábel. "Non creo que a definición sexa tan importante, mais estamos a ver contaxios comunitarios ao mesmo tempo en moitas rexións", declarou en conferencia de prensa.

Comentarios