venres 25/06/21

Os partidos de Nova Caledonia sitúan o 12 de decembro como data do novo referendo de independencia

Durante o mandato de Emmanuel Macron realizáronse dous referendos, nos que o apoio ao si medrou até o 46,74%.

nova caledonia

As negociacións están en marcha en París entre os partidos de Nova Caledonia para realizar un novo referendo de independencia antes de que remate o ano. Coa mediación do ministro francés de Ultramar, Sébastien Lecornu, as distintas formacións comezan a atopar puntos de acordo para que o terceiro referendo se poida celebrar o 12 de decembro.

Esta nova consulta en Nova Caledonia, como nas anteriores, irá acompañada dun período de transición de dous anos. Durante o mandato de Emmanuel Macron realizáronse dous referendos (2018 e 2020), nos que se impuxo o non á independencia con máis do 53% dos votos.

Porén, na última consulta, o apoio á independencia creceu máis de 3 puntos porcentuais (46,74%). Un dato relevante tendo en conta que tamén aumentou a participación, que pasou do 80 ao 85%.

Nova Caledonia ten 278.000 habitantes e foi colonizada por Francia na primeira metade do século XIX. Desde 1853 pertence a ese Estado europeo. O arquipiélago de Nova Caledonia sitúase a 1.500 kilómetros ao leste de Australia e fai parte dos 11 territorios que Francia mantén fóra das súas fronteiras.

Ten unha superficie de 18 mil quilómetros cadrados (por volta de 60% do territorio galego) e está moi pouco poboado, apenas 270 mil habitantes, 40% dos cales son kanakos, 27% de orixe europea e o resto, mestizos ou de outras procedencias

Nos anos 80, o Frente Socialista de Liberación Nacional Kanak reclamaba a creación dun Estado independente. Pouco a pouco, as illas conseguiron maior autonomía a respecto de París.

Nova Caledonia sufriu anos de violencia política na década de 1980 entre as forzas independentistas, apoiadas pola comunidade aborixe kanaka, e as forzas pro Francia, apoiadas principalmente polos descendentes dos colonizadores galos. A violencia cesou coa sinatura do Acordo de Noumeá, en 1988, que deu comezo ao proceso de descolonización progresiva de Nova Caledonia.

comentarios