O independentismo faise por vez primeira coa maioría no Goberno de Nova Caledonia

En 2022 será o terceiro referendo secesionista acordado con Francia
nova_caledonia_marcha
photo_camera Nova Caledonia tivo en 2018 e 2020 as dúas primeiras consultas (Foto: FLNKS-Officiel / Facebook)

O independentismo ostentará a maioría no Executivo de Nova Caledonia ─arquipélago do Pacífico de arredor de 270.000 habitantes baixo soberanía de Francia desde 1853─ por vez primeira desde que París concedeu unha autonomía limitada hai dúas décadas co Acordo de Noumeá (1998). 

A mudanza prodúcese tras a crise de Goberno ─de maioría unionista─ do pasado 2 de febreiro, logo de os ministros soberanistas dimitiren ante os plans de venda dunha importante mina de níquel á compañía multinacional suíza, Trafigura. Consideran que tanto o Goberno de Francia como a actual propietaria, a brasileira Vale, desbotaron unha boa oferta realizada por unha empresa local. A situación derivou en fortes protestas, incluído o lanzamento de cócteis molotov e a destrución de equipamento do xacemento.

O independentismo contará a partir de agora con 6 dos 11 membros do Gabinete tras o voto onte do Congreso de 54 membros, informa AFP. A coalición Union Calédonienne-Fronte de Liberación Nacional Kanak Socialista (UC-Flnks) logrou o apoio da formación minoritaria Eveil Océanien (EO, de centro, non independentista), co que sumou tres representantes, ademais doutros tres nunha segunda lista.

As formacións unionistas contaban tamén con dúas listas: Futuro con Confianza (AEC, dereita), que se fixo con catro representantes grazas aos 18 votos no Congreso, e Caledonia Unida (CE, centro dereita), con outro. 

A venda da mina e a cuestión da xestión dos recursos naturais do arquipélago é fundamental para entender o conflito entre o París  e o movemento independentista. Conflito que na década de 1980 tornouse violento. En 1988 produciuse un dramático suceso durante unha crise de reféns que acabou coa morte de 19 militantes separatistas e 6 policías.

Dous 'nons'

En 1998 chegou a paz co Acordo de Noumeá, que contempla a organización de tres referendos de independencia até 2022. Nos dous primeiros, en 2018 e 2020, a poboación das illas votou a prol de seguir como territorio francés de ultramar. No de outubro do ano pasado, porén, o resultado foi moi igualado e o apoio ao independentismo continúa a medrar, segundo os medios galos.

Nova Caledonia ─que afronta unha crise orzamentaria e foi golpeada pola Covid─ supón para Francia unha importante fonte de recursos pesqueiros, alén das reservas de níquel. A maioría da poboación autóctona, o pobo kanak, é favorábel á independencia, en tanto que a poboación descendente de europeos apoia maioritariamente o mantemento do control francés sobre o territorio.

Comentarios