Referendo Nova Caledonia: gaña o ‘Non', avance do ‘si’ e nova consulta en 2022

En dous anos a fenda entre pro-franceses e independentistas reduciuse en 5 puntos.

nova-caledonia_commonswikimedia

O "si" á independencia de Nova Caledonia avanza, mais non o suficiente para gañar o referendo de autodeterminación.

A consulta, que decorreu este domingo, deixou unha vitoria para os partidarios de que este territorio de apenas 18.000 km cadrados e 270.000 habitantes continúe baixo soberanía francesa.

O 53,3% dos electores optou por se manter en Francia mais e o 47% optou pola opción independentista.

Son resultados máis axustados que no primeiro referendo, en 2018. Entón, o ‘non’ sumou o 56,7% das papeletas. En dous anos, a separación entre detractores e partidarios da independencia reduciuse de máis de 13 puntos porcentuais a menos de 7.

Se o solicita un terzo do Congreso de Nova Caledonia, terá lugar un terceiro referendo en 2022, como se prevé nos acordos de Nouméa. O campo independentista cre que a partir de entón pode darlle a volta á situación e gañar nas urnas.

Nova Caledonia ten 278.000 habitantes e foi colonizada por Francia na primeira metade do século XIX. Desde 1853 pertence a ese Estado europeo. Nos anos 80, o Frente Socialista de Liberación Nacional Kanak reclamaba a creación dun Estado indepenente. Pouco a pouco, as illas conseguiron maior autonomía a respecto de París.

Nova Caledonia sufriu anos de violencia política na década de 1980 entre as forzas independentistas, apoiadas pola comunidade aborixe kanaka, e as forzas pro Francia, apoiadas principalmente polos descendentes dos colonizadores galos.

A violencia cesou coa sinatura do Acordo de Matignon, en 1988, que outorgaba autonomía en tres provincias, dúas destas de maioría kanaka, que lles permite lexislar, entre outros eidos, sobre impostos e emprego.

Comentarios