Eleccións Europeas 9-X

Resultados na UE: o PPE gaña unhas eleccións marcadas polo ascenso da ultradereita

O grupo de Socialistas e Demócratas (S&D) fica como segunda forza a pesar de perder catro escanos e quedar con 135.

Resultados provisionais no conxunto da Unión Europea.
photo_camera Resultados provisionais no conxunto da Unión Europea.

O Partido Popular Europeo (PPE) gaña as eleccións ao Parlamento Europeo con 189 escanos dos 720 do novo hemiciclo, o que mellora a súa marca da lexislatura anterior en trece escanos, seguido do grupo de Socialistas e Demócratas (S&D), que se mantén como segunda forza a pesar de perder catro escanos e quedar con 135 eurodeputados, segundo os resultados provisionais publicados pola Eurocámara, que mostran tamén unha suba considerábel da ultradereita.

Os liberais europeos (Renew) seguen como terceira forza na Eurocámara mais cunha forte caída de 22 escanos, dos 102 da lexislatura que acaba aos 80 que apuntan os resultados provisionais. A forte caída dos liberais en Francia levou o seu dirixente e presidente do país, Emmanuel Macron, a adiantar esta mesma noite as eleccións lexislativas e disolver así a Asemblea Nacional.

Tamén sufriron un gran recorte nos seus resultados os Verdes europeos, que pasan de 71 a 52 escanos, e unha rebaixa máis moderada a Esquerda europea, que suma 36 eurodeputados, só un menos que no mandato anterior.

Estes primeiros resultados europeos apuntan, ademais, a unha suba da presenza da extrema dereita na que será a décima lexislatura da Eurocámara, con Conservadores e Reformistas (ECR, formación na que se inscriben Vox e os Irmáns de Italia de Giorgia Meloni), que suma tres escanos até os 72, e Identidade e Democracia (IDE, coa Agrupación Nacional de Marine Le Pen), que alcanza os 58 escanos ao sumar nove representantes.

Outros partidos da ultradereita europea aparecen de momento como Non Rexistrados ou ‘Outros’, por exemplo, o partido neonazi Alternativa para Alemaña, que obtén 16 escanos, ou o español Se Acabó La Fiesta, que entra por primeira vez no Parlamento Europeo con dous escanos.

Comentarios