O Parlamento europeo dá luz verde á nova Frontex

A actual Garda europea de fronteiras e costas pasará a ser unha axencia con menor control político e maiores competencias.

Frontex_Balkaneu
photo_camera [Imaxe Balkaneu]

O Parlamento europeo aprobou esta cuarta feira (6 de xullo) a reforma lexislativa pola que fica suprimida a Garda europea de fronteiras e costas exteriores (Frontex) e constitúe unha axencia con 1.500 profesionais propios --actualmente conta con dotacións dos estados membros-- e capacidade de intervención en "calquera lugar en 72 horas", segundo explicaron as autoridades comunitarias. Farao a petición dun Estado membro ou cando a propia axencia entenda que algún territorio se ve ultrapasado pola chegada de persoas migrantes ou solicitantes de asilo. 

Contará con 1.500 profesionais propios e autorizará o estabelecemento de controis fronteirizos internos se algún Estado membro se nega a colaborar con ela

A modificación, apoiada por socialistas e populares en Bruxelas, autoriza a este novo órgao a desenvolver as deportacións de migrantes aos países de orixe e extende a súa capacidade de actuación, para alén das fronteiras exteriores da UE, ao interior do espazo Schengen posibilitando que, se algún dos estados membros non colabora coa mesma, os seus colindantes poidan estabelecer controis fronteirizos con el. Tamén así, promoverá acordos con terceiros países como o asinado entre a UE e Turquía. 

A iniciativa partiu da Comisión europea en decembro de 2015 e tamén limita a capacidade de control da actividade da axencia á Comisión e o Consello europeos o que, de facto, concede esta capacidade a dúas institucións cuxos representantes non foron eleitos directamente pola cidadanía europea. 

Combater as causas

A eurodeputada galega de AGEe, Lidia Senra, asegurou ao fío da sesión parlamentar que "a UE está a levar a cabo unha política totalmente nefasta e reprobable" pois entende que non está a facer nada para resolver as guerras e conflitos que hai nos países de orixe das persoas migrantes. Estamos falando de persoas que foxen de zonas de conflito e demandan asilo e tamén de persoas que foxen da miseria provocada pola rapiña das multinacionais e das potencias occidentais nos seus países e a UE non fai nada nin para garantirlles o dereito ao asilo nin para poñer fin ao saqueo de recursos naturais que as multinacionais levan a cabo nesas zonas". 

Senra, que votou contra a aprobación da nova axencia defendeu "combater as causas que provocan a migración forzada, proporcionar asilo e acollida e desenvolver políticas en condicións que respecten os dereitos humanos". 

A proposta foi apoiada por 483 europarlamentares fronte a 181 en contra. 

Comentarios