Aumentan os choques entre os xudeus e os palestinos de Israel

Convocatorias por redes sociais da ultradereita xudía para manifestarse contra a cidadanía árabe, nunha situación de violencia que o presidente israelí cualificou de "guerra civil".
EuropaPress_3706912_13_may_2021_palestinian_territories_gaza_city_mourners_attend_the_funeral
photo_camera Funeral hoxe en Gaza polos 13 milicianos de Hamas abatidos horas antes nun ataque aéreo israelí (Foto: Mohammed Talatene / dpa)

Mentres que a ofensiva aérea sobre a Faixa de Gaza e o lanzamento de foguetes desde o enclave cara ao territorio israelí continuou durante a xornada de hoxe, en localidades de Israel con poboación mixta de xudeus e palestinos de Israel (árabes e palestinos con cidadanía israelí) os enfrontamentos violentos entre comunidades intensificáronse nas últimas horas.

En Jaffa, segundo informou Haaretz, un soldado de 19 anos foi atacado e ingresado posteriormente nun hospital en condición crítica. No barrio de Hatikva, en Tel Aviv, as agresións producíronse entre militantes xudeus de ultradereita, dunha banda, e xornalistas e palestinos de Israel, da outra. 

O diario israelí sinalou que o enfrontamento violento se producira logo dunha convocatoria nas redes sociais chamando a participar nunha manifestación anti árabe. Un cámara da TV pública israelí, Kan, foi agredido polos manifestantes xudeus.

Segundo esta mesma información, este tipo de convocatoria nas redes sociais, "planeando ataques contra os árabes en cidades de todo Israel", está indo en aumento nos últimos días.

Os medios israelís tamén se fixeron eco esta quinta feira da malleira a un home por parte de militantes  de ultradereita en Bat Yam, a 13 km ao sur de Tel Aviv, porque crían que se trataba dun palestino.

Malleira en directo

Nas imaxes do ataque, que foron televisadas en directo, pódese ver como o home é sacado pola forza do seu coche e golpeado por ducias de persoas. Segundo Harry Fawcett, reporteiro de Al Jazeera, "semellaba un intento de linchamento público".

Ademais, a canle de TV árabe informou da emisión de imaxes en canles locais onde se mostran grupos de ducias de persoas con máscaras negras saqueando tendas palestinas. 

Segundo estas informacións, as convocatorias nas redes sociais estarían impulsadas por un grupo autodenominado La Familia.

Tamén se informou de ataques a sinagogas, negocios e vehículos de cidadáns xudeus. E de agresións físicas, como o apuñalamento dun home.

"Guerra civil"

Neste sentido, o presidente de Israel, Reuven Rivlin, nunha advertencia ao primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, cualificou os enfrontamentos entre comunidades, os máis graves  dos últimos anos, de "guerra civil".

Netanyahu afirmou que a "anarquía" ten que parar, e reservistas da Policía de fronteiras foron chamados para reforzar a vixilancia nas localidades con poboación mixta. 

Discriminación e guerra

O malestar latente polas políticas discriminatorias ─aínda que iguais sobre o papel, os palestinos de Israel reciben menos fondos do Goberno, o que leva a peores infraestruturas e servizos─ acabou por estallar tras o desaloxo en marcha no barrio Sheikh Jarrah en Xerusalén, e os sucesos da última semana coa represión de manifestantes en Al Aqsa. 

Hamas viu entón xustificado o lanzamento de foguetes desde Gaza contra localidades israelís, o que levou á desmesurada resposta aérea por parte de Israel, que segundo os últimos datos facilitados hoxe á noite, provocou xa 87 mortes no enclave. Un territorio bloqueado desde 2007 e cualificado por activistas palestinos de "cárcere a ceo aberto".

Os foguetes continuaron saíndo de Gaza e os avións continuaron castigando a súa poboación. Ademais, tropas e tanques israelís comezaron a agruparse na fronteira coa Faixa.

Comentarios