Palestina: máis soberana malia a ocupación de Israel

Palestina converteuse esta quinta feira en estado observador das Nacións Unidas. Após un longo e angosto camiño o pobo palestino tomará parte da organización internacional e poderá interpor demandas perante a Corte Penal Internacional.
Amhmud Abbas na ONU
photo_camera Amhmud Abbas na ONU

Unha abrumadora maioría dos estados membros das Nacións Unidas apoiaron a entrada de Palestina como estado observador na ONU. 138 foron os territorios que finalmente votaron a favor da súa incorporación fronte a sete votos en contra e 41 abstencións. Cunha votación ampla, o pobo palestino consegue un novo estatus na organización internacional, que desta maneira recoñece a soberanía [email protected] [email protected] sob o territorio ocupado por Israel en 1967. Neste sentido, Israel e os seus aliados --nomeadamente os EUA-- foron os únicos estados membros que rexeitaron a súa entrada. Este outro estatus permite a Palestina tomar parte das axencias que integran as Nacións Unidas e, o máis importante para a Autoridade do país, permitirá que o estado interpoña demandas perante a Corte penal internacional. Segundo Mahmud Abbas, "chegou a hora de que o mundo diga non á agresión de Israel".

Abbas: "Chegou a hora de que o mundo diga non á agresión de Israel"

"O noso pobo non vai renunciar aos seus dereitos"
O presidente da autoridade nacional palestina, Mahmud Abbas, foi o encargado de defender a incorporación de Palestina ás Nacións Unidas e de solicitar o seu apoio aos estados membros, porén, ao longo destes días foran moitos os que fixeran público o seu posicionamento. "Só queremos que se recoñeza a nosa independencia", aseveraba Abbas no seu discurso pronunciado na asemblea xeral, quen recuncou na necesidade de que "o mundo" non pode silenciar "as agresións, aos asentamentos" e defendeu que o pobo palestino "non vai renunciar aos seus dereitos" após máis de medio século de ocupación israelí.

O que para [email protected] xa se converteu no ano cero de Palestina tamén foi concibido así polo seu presidente. Neste sentido, Abbas asegurou que piden "este certificado de nacemento para unha nova realidade do Estado palestino" asentada na paz, a liberade e o dereito internacional, aseverou o líder da autoridade nacional palestina. Así pois, o secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, defendía na súa intervención a necesidade de que os estados membros tivesen "a disposición de aceptar un Estado palestino soberano e libre", afirmou, ao tempo que lanzou un chamado aos presentes para que "se compromentan coa paz".

Susan Rice (EUA): "A resolución da ONU é desafortunada e contraproducente"

EUA e Israel opóñense ao recoñecemento

Porén, a representante permanente dos EUA asegurou que a elevación do estatus de Palestina constituía "un obstáculo" para a construción dunha paz duradeira e estábel, cualificando a solicitude presentada pola Autoridade Nacional palestina como "desafortunada e contraproducente". A embaixadora estadounidense, Susan Rice, argüíu que "os grandes anuncios" que ao seu entender se presentaban perante a asemblea xeral "axiña se esvaecerán" polo que asegurou que o pobo palestino "espertará mañá e atopará que pouco mudou nas súas vidas". Asemade, a representante do maior aliado militar de Israel afirmou con rotundidade e dureza que a resolución aprobada polas Nacións Unidas "non converte a Palestina nun estado", sentenciou Rice.

Netanyahu (Israel): "Ningún poder do mundo pode obrigarme a facer concesións"

Pola súa banda, o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, asegurou após coñecer o resultado da votación que "a decisión da ONU non mudará nada no terreo". Nun ton ameazador, Netanyahu aseverou que o novo estatus "non fará progresar a creación dun Estado palestino, ao contrario vaino afastar". Co mesmo posicionamento que mantivese en anteriores ocasións, Israel condiciona calquera avanzo na solución do conflito a que se manteña o recoñecemento "dun Estado xudeo" e non, dixo, "a través dunha declaración unilateral da ONU" que, no entanto, contou co apoio de 138 Estados membros. Netanyahu asegurou que "a paz só se conseguirá" a través dos acordos asinados en Jerusalén e Ramala e ameazou con que "ningún poder no mundo pode obrigarme a facer concesións sobre a seguridade de Israel". 

Para alén dos EUA e Israel, tamén Canadá, a República Checa, a República de Palau, Nauru, Micronesia, as Illas Marshal e Panamá votaron en contra da adhesión de Palestina como estado observador, cuestión que muda substancialmente a personalidade xurídica internacional do pobo palestino cuxa autoridade poderá presentar demandas perante a Corte Penal Internacional con que denuncie as violacións dos dereitos humanos cometidas por Israel ao longo das últimas décadas. O xenocidio, crimes de lesa humanidade e de guerra --como os acontecidos nas Operacións Chumbo fundido e Alicerce defensivo ou mesmo o suposto asasinato do ex-presidente palestino Yasser Arafat-- poderá ser investigados polo Tribunal da Haïa, porén só desde 2002. Para tal fin, Palestina deberá subscribir o Estatuto de Roma (1998).

comentarios