Non empregou Otegi a palabra condena para distanciar a esquerda aberztzale da loita armada nin tampouco o vocábulo perdón para expresar a solidariedade do independentismo vasco coas vítimas de ETA. En realidade, Otegi mantivo o discurso clásico da súa formación sobre o conflito entre un significativo sector da sociedade do seu país e o Estado español. O que si fixo foi pór en valor o traballo político feito para alcanzar a paz. "Fixemos unha cousa máis importante que condenar a violencia armada de ETA: contribuímos á súa desaparición".
Sobre se sentía ou non a dor causada por esa violencia, Otegi apelou ás páxinas do seu libro, El tiempo de las luces, volume en que afirmaba que "sentía de corazón" se algunha vez no seu labor como portavoz da esquerda abertzale "xerara máis dor ás vítimas do necesario ou do que tiña dereito a facer".
Otegi enfatizou que no conflito vasco hai vítimas en todos os lados, en alusión ás sufridas nas filas da esquerda abertzale a mans do terrorismo de estado, e nese sentido apuntou directamente a Felipe González: "Eu gostaría de que Felipe González algunha vez dixese que era o X dos GAL". A autoinculpación do histórico dirixente socialista non tería que levar aparellado o seu ingreso en prisión, considerou o líder de EH Bildu para exemplificar a súa aposta pola reconciliación e a pacificación.
Que non se recorde a todas as vítimas —só as de ETA— é o argumento que deu Otegi para explicar por que os 4 parlamentares da coalición abertzale non estarán no acto de homenaxe que o Congreso vai realizar esta quinta feira. Porén, un dos deputados de EH Bildu, anunciou, si participará no minuto de silencio programado. Este xesto non ten precedentes e faino a coalición independentista basca "en sinal de respecto".