A OTAN reforzarase no leste de Europa: de 40.000 a 300.000 soldados

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, anunciou na segura feira en Bruxelas o aumento do número de efectivos destinados no leste de Europa. Serán, dixo, máis de 300.000 os militares das “forzas de alta dispoñibilidade”.

Exercicio militar da OTAN en Letonia en abril de 2022 (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Exercicio militar da OTAN en Letonia en abril de 2022 (Imaxe: Europa Press)

O secretario xeral da alianza militar adiantou algunhas das liñas de acción da estratexia que a OTAN aprobará no cumio de Madrid esta mesma semana. Entre elas, aumentará o número de efectivos despregados no leste de Europa.

Así, Stoltenberg afirmou que serán máis de 300.000 os soldados no “flanco oriental da alianza” pertencentes ás denominadas “forzas de alta dispoñibilidade”. Esa mesma sección representa, agora, 40.000 militares, polo cal, o aumento é considerábel.

A respecto da situación de Ceuta e Melilla, eludiu trasladar compromiso ningún. Referiuse, neste sentido, ao artigo 6 do Tratado de Washington, que exclúe ambos os territorios españois. Afirmou que se trata dunha “decisión política” que tería que adoptarse “por consenso”, analizando “caso a caso”. “É todo o que podo dicir sobre este asunto”, dixo.

En relación á solicitude de ingreso por parte de Suecia e Finlandia, puxo de manifesto que “intensificamos o diálogo con Turquía”, debido ás reticencias deste país ao respecto. “Non farei promesa ningunha, mais podo asegurar que estamos a traballar activamente, pois as solicitudes de Finlandia e Suecia para unirse á OTAN son históricas, mais é demasiado pronto para decidir que tipo de progreso pode lograrse antes do cumio”, dixo.

O presidente turco e a primeira ministra sueca reuniranse na terza feira en Madrid para falar ao respecto, mais non se prevé que a incorporación vaia producirse no cumio desta semana, como se adiantara.

Incluirá por vez primeira China como "ameaza"

A folla de ruta que aprobará a OTAN en Madrid deixará “claro” que consideran Rusia “como a ameaza máis importante e directa para a nosa seguridade, e mencionarase China e os desafíos que formula Beijing á nosa seguridade, intereses e valores por vez primeira. Tamén cubrirá os nosos plans para outras ameazas e desafíos, como o terrorismo, os ciberataques e os ataques híbridos”, informou na segunda o presidente da alianza militar.

Comentarios