Os Orzamentos volven ao Congreso após unha emenda de Compromís

Pedro Sánchez intervén no Senado a terza feira. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
Atraso na aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, que se prevé sexan ratificados o vindeiro 28 de decembro no Congreso. Amais, Sánchez anuncia cambios nos contratos lácteos.

A aprobación no Senado español esta terza feira dunha emenda de Compromís durante o debate sobre os Orzamentos Xerais do Estado rachou coa programación do Goberno, que contaba coa aprobación definitiva dunhas contas que agora terán que volver ao Congreso para rematar coa súa tramitación parlamentar.

A modificación impulsada pola forza valenciana outorga 1,6 millóns de euros á “promoción e difusión das linguas protexidas pola Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias”, nos territorios da Galiza, Asturies, Euskadi, Nafarroa, Aragón, Catalunya, Balears e País Valencià.

Na sesión, as críticas ao Executivo que encabeza Pedro Sánchez centráronse na súa negativa a aceptar ningunha clase de emenda para que os Orzamentos entrasen en vigor canto antes. Sánchez respondeu a aprobación da proposta de Compromís sinalando que “benvida sexa” se serve para que o Partido Popular reconsidere a súa política de promoción das linguas cooficiais.

Prevese que as contas queden aprobadas de maneira definitiva o 28 de decembro, confirmaron fontes do PSOE a medios estatais.

Contratos lácteos

Amais, o presidente estatal anunciou que o gabinete introducirá cambios no Real Decreto que regula os contratos lácteos co fin de “garantir prezos xustos aos produtores”.

Recoñecendo que as marxes de beneficio no sector “cada vez son máis estreitas”, cunha diminución do 52% dos beneficios desde o comezo de 2021 pola subida do prezo das subministracións, Sánchez explicou que os compradores terán a obriga de revisar o prezo de compra nos contratos a longo prazo no momento no que se incrementen os custes de produción que non dependen da explotación.

IVE reducido das máscaras até xuño

Outra das cuestións que abordou o Consello de Ministras e Ministros que decorreu onte foi o IVE das máscaras. Isabel Rodríguez, voceira do gabinete e ministra de Política Territorial e Función Pública, relatou na rolda de prensa posterior que o Executivo resolveu manter a rebaixa do IVE no 4% até xuño de 2022.

“É un acordo importante que ten que ver cun compromiso coa economía das familias”, asegurou Rodríguez, que subliñou o mantemento dun tipo de IVE reducido á importación de material sanitario en contra da Covid-19, cun valor estimado de 225 millóns de euros.

A rebaixa do IVE das máscaras está vixente desde o 17 de novembro de 2020.