O Goberno estatal saca adiante as contas coa abstención do BNG

O deputado nacionalista Néstor Rego advertiu do "déficit" en infraestruturas na Galiza durante a súa intervención de feche no debate sobre os Orzamentos xerais para 2022. Igualmente, o representante do Bloque no Congreso falou dunha discriminación do país.
O deputado nacionalista Néstor Rego durante unha  intervención no Congreso. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado nacionalista Néstor Rego, onte, na súa intervención no Congreso. (Foto: Nós Diario)

O proxecto de lei dos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 obtivo onte a luz verde do Congreso e o apoio da representación do PSOE e Unidas Podemos -coalición de Goberno-, ERC, EH Bildu, PDeCat, Más País, Compromís, PNV, PRC, Nueva Canarias e Teruel Existe. O Bloque Nacionalista Galego mantívose na abstención

O Goberno español logra así consolidar a maioría coa que aprobou os seus primeiros orzamentos e agora espera que unha tramitación exprés no Senado permita ter as contas listas en menos dun mes e, se hai cambios, votalos no Congreso a finais de decembro para que o 1 de xaneiro, en tempo e forma, entren en vigor.

Nos tres días de debate, o deputado do BNG, Néstor Rego, aproveitou para reivindicar as necesidades da Galiza. Ao fechamento da súa intervención nesta quinta feira, o nacionalista non puido máis que incidir na “discriminación e o déficit histórico” que “arrastra” o país, quer polos Gobernos do Partido Popular quer polos do PSOE, como é agora o caso. Após escoitar de boca do presidente español, Pedro Sánchez, que “todo lle parece pouco" e que "se por vostede fose, todo o investimento iría para Galiza”, Rego advertiu do "déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos, particularmente no transporte ferroviario" que sofren as galegas e galegos.

Neste sentido, o deputado do BNG lembrou que a Galiza carece dun servizo de ferrocarril de proximidade nas áreas metropolitanas e conexións entre puntos como Compostela e Lugo. Aliás, engadiu que o AVE chega “cun atraso de case 30 anos”. 

Os conflitos laborais e a crise industrial

“Tampouco serven os orzamentos de 2022 para atallar a grave crise industrial, nin para -como mínimo- asegurar a actividade económica existente e salvagardar o emprego”, considerou Rego, aludindo a conflitos laborais como o de Alcoa na comarca da Mariña. 

Así, destacou que o cadro de persoal da factoría e a poboación "esperaban que esta vez si, os partidos do Goberno, PSOE e Podemos, mostrasen a vontade de resolver o problema a través dunha intervención pública temporal da planta”, mais “non foi así”. 

“A pesar de que hai só 10 días Alberto Núñez Feixoo solicitaba a Reyes Maroto [ministra de Industria] a intervención pública [da planta], o PP votou en contra da nosa emenda, nun exercicio de hipocrisía e malabarismo político que comparten todas as forzas estatais: din unha cousa na Galiza, onde sería penalizado non apoiar demandas sociais xustas, mais despois fan a contraria en Madrid”, denunciou o nacionalista.

Sen atender cuestións sociais e xudiciais

Na mesma liña, e a marxe dos acordos do Executivo do Estado español con outras formacións políticas de distintos territorios para obter o seu apoio aos orzamentos, o representante do BNG na Cámara baixa considerou que non se fixo un esforzo para mellorar as políticas sociais na Galiza -como, por exemplo, o incremento das pensións-, nin tampouco para loitar con máis ferramentas -xudiciais, segundo a súa proposta- contra a violencia machista. 

“Que ten que pasar para que este Goberno, que se di progresista, comece a tratar cun mínimo de xustiza a Galiza?”, preguntou onte o deputado Néstor Rego. 

Comentarios