A ONU reclama "eleccións libres e xustas" ao Goberno xihadista en Siria

Geir Pedersen (ONU) e Abu Mohammad al Golani (HTS) nunha reunión o 15 de decembro de 2024 en Damasco, Siria. (Foto: HTS)
Golani descarta que haxa comicios a curto prazo.

O enviado especial da Organización das Nacións Unidas (ONU) para Siria, Geir Pedersen, defendeu a cuarta feira que hai “moitas esperanzas” de ver o “comezo dunha nova Siria”, após facerse co poder en boa parte do territorio a xihadista Organización de Liberación do Levante (HTS) coa axuda doutros grupos armados.

Ao respecto, instou a desenvolver unha nova Constitución e “eleccións libres e xustas”. As últimas eleccións no país foron os comicios parlamentarios de xullo deste ano, nos que o Partido Baaz Árabe Socialista de Bashar al Assad, integrado na Fronte Nacional Progresista, se fixo coa maioría absoluta, nunhas votacións cunha participación de 38% do electorado.

Asemade, unha alianza doutras forzas opositoras a al Assad, a Coalición Nacional Siria, demandou ao Goberno de transición xihadista en Damasco que sexa “incluínte” e “sen sectarismo”, e o Consello de Seguridade da ONU tamén solicitou un proceso político “inclusivo e encabezado por sirios”.

Con todo, Abu Mohammad al Golani, líder da HTS, considerada terrorista pola ONU e os Estados occidentais, que xa se aprestaron a contactar o novo Executivo, afirmou que “a nova Siria non se baseará en compartir o poder”, así como que “todas as figuras da oposición son benvidas a vir e contribuír individualmente a reconstruír Siria, mais non como entidades”.

Ademais, nunha reunión con medios estranxeiros asegurou que “escribir unha nova Constitución levará tempo”, e descartou organizar eleccións a curto prazo, aducindo que “se debe facer un inmenso traballo de censo” antes de proceder.

Pola súa parte, o primeiro ministro do Goberno de ultradereita israelí, Benjamin Netanyahu, aseverou que manterán a ocupación do sur de Siria até que haxa “outro acordo”, logo de rachar o pacto con Siria de 1974.

Desde a caída de al Assad hai menos de dúas semanas os sionistas lanzaron case 500 ataques contra o que denominan obxectivos militares en territorio sirio, indicou o opositor ao Goberno anterior Observatorio Sirio de Dereitos Humanos, sen que os xihadistas ofreceran resistencia.

Na principal fronte da guerra en Siria, situada no nordés, na área autónoma controlada polas pro kurdas Forzas Democráticas Sirias (SDF), reportáronse choques entre as SDF e o Exército Nacional Sirio (SNA), unha facción aliada á HTS.

Ante unha prevista invasión turca co apoio do SNA, os kurdos seguen a enviar sinais para intentar achegarse aos xihadistas. O último foi a eliminación das aduanas e dos impostos entre a área autónoma e o resto de Siria, indica Rudaw.