A ONU aproba conmemorar cada 11 de xullo o xenocidio en Srebrenica, en Bosnia e Hercegovina

O resultado foi de 84 votos a favor, 19 en contra e 68 abstencións.

Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas. (Foto: ONU)
photo_camera Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas. (Foto: ONU)

A Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) aprobou a quinta feira unha resolución que converte o 11 de xullo no Día Internacional de reflexión e conmemoración do xenocidio de 1995 en Srebrenica, que foi impulsada por Alemaña e Ruanda.

Máis de 8.000 persoas bosníacas perderon a vida no masacre perpetrado por soldados do Exército da República Srpska, unha das dúas entidades que conforman Bosnia e Hercegovina, e na que se engloban as persoas serbias no Estado.

Tanto Serbia como a República Srpska lanzaron unha campaña contra a resolución defendendo que busca estigmatizar o pobo serbio e que se tratou dun crime de guerra, non dun xenocidio, con posterioridade ás críticas ao Tribunal Penal Internacional para a antiga Iugoslavia pola súa parcialidade, ao concentrar as condenas en persoas serbias ou negarse a xulgar a agresión militar da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) a Iugoslavia.

Isto e as inquedanzas sobre o impacto da proposta na situación interna do Estado derivou nunha votación con 84 sufraxios a favor e 19 en contra, con 68 abstencións.

Comentarios