Covid: A OMS insta a continuar a vacinación coa AstraZeneca porque “salva vidas”

A Organización Mundial da Saúde entende que a pesar dos episodios de tromboembolismo grave nalgunhas persoas inoculadas co fármaco os beneficios están por enriba dos riscos, nun discurso que leva repetindo toda a semana en paralelo ás investigacións.

Diferentes vacinas para a Covid-19. (Foto: Daniel Karman / Dpa)
photo_camera Diferentes vacinas para a Covid-19. (Foto: Daniel Karman / Dpa)

O discurso da Organización Mundial da Saúde (OMS) sobre a vacina de AstraZeneca non muda a pesar de que as investigacións seguen abertas e distintos Estados manteñen paralizadas as campañas de inoculación á poboación.

Mesmo a Xunta pediu ás persoas que xa recibiron o tratamento que avisaran de calquera síntoma grave. Malia as diferentes actuacións, o director rexional para Europa da OMS, Hans kluge, insistiu nesta quinta feira en que o continente ten que seguir administrando as doses sen máis atrasos porque “salva vidas”.

O responsábel destacou que a decisión de parar tras notificarse casos de tromboses en algunhas pacientes tratadas responde á “precaución”, pero lembrou que tampouco está “demostrado” que a creación da farmacéutica teña que ver con esas enfermidades.

Kluge foi máis alá ao defender entre liñas o remedio, pois subliñou que o “tromboembolismo venoso é a terceira enfermidade cardiovascular máis común do mundo”.

“Neste momento os beneficios da vacina superan con creces aos seus riscos, polo que a súa administración debe continuar para poder salvar vidas”, comentou dando continuidade a un discurso que a OMS leva repetindo unha e outra vez toda a semana.

Por outra parte, aproveitou a súa comparecencia para criticar a “inequidad” no acceso aos remedios contra o coronavirus. Así contrapuxo os países de ingresos altos que xa están actuando fronte ao 60% dos Estados de ingresos medios e baixos, que son os únicos que puideron comezar.

En calquera caso advertiu de que este tratamento, por si propio, non soluciona a pandemia. “Non reempraza as medidas sociais e de saúde pública”, resumiu.

Comentarios