De volta en Cuba a brigada médica que pelexou coa COVID-19 en Italia

"O regreso de vostedes énchenos de profundo gozo, porque retornan sans e coa máis humanitaria e nobre das misións cumprida: salvar vidas", afirmou o presidente do país, Miguel Díaz-Canel na recepción ao continxente, para o que se pide internacionalmente o Premio Nobel da Paz.
2020060914283838839
photo_camera Algúns dos membros da brigada médica antes de partir do aeroporto de Milán de regreso a Cuba (Ministerio de Saúde Pública)

A brigada médica cubana que colaborou durante máis de dous meses na loita contra a COVID-19 en Lombardía, a rexión de Italia máis castigada pola pandemia do coronavirus, regresou á Habana na noite da segunda feira (madrugada de onte, horario galego). Alí foi recibida polo presidente do país, Miguel Díaz-Canel. A benvida produciuse, porén, de forma telemática para manter as medidas de seguridade e evitar as posibilidades de contaxios.

"O regreso de vostedes énchenos de profundo gozo, porque retornan sans e coa máis humanitaria e nobre das misións cumprida: salvar vidas", afirmou o dirixente nun discurso retransmitido pola televisión. Conformada por 36 profesionais da medicina, 15 da enfermaría e un especialista en loxística, a brigada está integrada no continxente internacionalista Henry Reeve, especializado en situacións de desastres e epidemias.

No recibimento, que contou coa presenza de varios membros do Goberno e dos servizos de saúde, Díaz-Canel loou a "brava disposición a desafiar a morte para salvar vidas" dos 52 integrantes. "Vostedes representan a vitoria da vida sobre a morte, da solidariedade sobre o egoísmo, do ideal socialista sobre o mito do mercado", sinalou, ao tempo que salientou que "mostraron ao mundo unha verdade que os inimigos de Cuba pretenderon silenciar ou terxiversar: a fortaleza da medicina cubana".

Neste sentido, cargou contra a "campaña de descrédito e ataques infames" contra Cuba. As misións médicas son unha fronte de batalla con Washington, que insta aos países que solicitan axuda á Habana a examinaren os acordos. O Goberno estadounidense acusa o cubano de quedar coa maior parte do salario do persoal sanitario e de explotalo laboralmente, algo que este último nega e cualifica de "inmoral", especialmente no medio da crise sanitaria.

Segundo datos do Ministerio de Saúde Pública cubano, recollidos pola axencia EFE, desde o comezo da pandemia da COVID-19, Cuba enviou a 27 países de África, América e Europa 34 brigadas, das que fan parte un total de 3.337 profesionais sanitarios. A petición das autoridades locais atenderon máis de 61.000 pacientes contaxiados co SARS-CoV-2.

Henry Reeve

O continxente médico internacional Henry Reeve foi creado en 2005 polo entón presidente cubano, Fidel Castro, para auxiliar aos EUA tras o devastador paso do furacán Katrina, mais Washington rexeitou a axuda. 

Henry Reeve foi un brigadeiro estadounidense do Exército Libertador de Cuba durante a Guerra dos Dez Anos ou Guerra de Cuba (1868-1878), a primeira dos tres conflitos bélicos pola independencia contra as forzas coloniais españolas. Nado en Nova York, Reeve faleceu con 27 anos, o 4 de agosto de 1976,  durante a batalla de Yaguaramas. 

Premio Nobel da Paz

"Encheunos de san orgullo nestes días asistir a un crecente clamor mundial para que estas brigadas sexan nomeadas ao Premio Nobel da Paz. Coa misión que vostedes cumpriron contribuíron solidamente a impulsar ese movemento", afirmou o presidente Díaz-Canel.

Desde hai varias semanas están a aparecer numerosas iniciativas arredor do mundo para que o Comité Noruegués tome en consideración a candidatura do continxente Henry Reeve, que xa hai cinco anos axudou a controlar a epidemia de ébola en África, labor polo que foi premiada en 2017 pola OMS.

Segundo informa Radio Cubana, tanto en change.org como na plataforma francesa mesopinions.com, así como na rede social Facebook, centos de persoas a título individual e ducias de organizacións, partidos políticos e forzas sindicais de 20 Estados, como Alemaña, Arxentina, Bélxica, Brasil, Canadá, España, Francia, Honduras, Hungría, Italia, Perú, República Dominicana e Suíza, entre outros, apoiaron xa a iniciativa.

Comentarios