Deus na Constitución e Putin no Kremlin

Case 78% dos votantes apoiaron a reforma constitucional rusa que permite ao presidente Putin optar de novo á reelección no cargo e, de gañar, manterse nel até o ano 2036. As modificacións inclúen a prohibición do matrimonio entre persoas do mesmo sexo e unha referencia á ancestral "fe en Deus" de Rusia.
2020070220202615512
photo_camera O presidente de Rusia, Vladimir Putin, votando na cuarta feira no referendo constitucional (Europa Press)

De acordo cos datos ofrecidos onte pola Comisión Electoral Central (CEC), con 100% escrutado, 77,92% da cidadanía votou a favor dos cambios na Carta Magna de Rusia fronte a 21,27% que o fixo en contra. A participación foi de 67,97%: máis de 50 millóns de persoas acudiron ás urnas nos primeiros seis días e menos de dez millóns na derradeira xornada. Este sistema, a xuízo da oposición, foi propicio para a fraude, mais a CEC dixo que o proceso resultara limpo. A UE e os EUA manifestaran as súas dúbidas nos últimos días ao respecto.

A consulta desenvolveuse entre o 25 de xuño e o 1 de xullo co fin de reducir a ocupación dos centros electorais. Instaláronse colexios electorais ao aire libre, e para os residentes de Moscova e Nizhni Novgorod organizouse unha votación telemática. O proceso estaba inicialmente programado para o 22 de abril, coincidindo co 150º aniversario do nacemento de Vladimir Lenin, primeiro dirixente da URSS, mais foi adiado pola pandemia. 

O presidente do Comité para a Lexislación Constitucional do Senado, Andréi Klishas, informou de que a semana vindeira comezará o proceso de elaboración das leis que emanarán da nova redacción da Constitución, segundo informou a axencia estatal de noticias, Sputnik. Polo seu lado, a presidenta do Senado, Valentina Matvienko, manifestou na cadea Rossiya 24 que todas as leis poderían ser adoptadas xa durante o presente mes de xullo.

Os maiores datos de apoio ás reformas constitucionais, por riba de 90%, déronse en Crimea ─anexionada por Rusia da Ucraína en 2014─, en Chechenia e na República de Tuva, en Siberia. Onde menos foi no distrito electoral de Nova York, nos EUA, onde dos 816 votos, 505 foron negativos por 310 positivos. Tamén na remota Rexión Autónoma de Nenetsia, no Ártico, onde vive o pobo nómade dos nenets, o 'non' impúxose ao 'si'. En Moscova e en San Petersburgo o apoio foi de 65% e 77,6%.

Un home e unha muller

Entre as modificacións ─máis de 200─ salientan a indexación anual das pensións, a prohibición de ceder territorio a outros países ou a prevalencia da Constitución sobre o dereito internacional. Tamén, a prohibición do matrimonio entre persoas do mesmo sexo ─definindo este como a unión entre un home e unha muller─ e a introdución dunha referencia á ancestral "fe en Deus" rusa. Para Rusia Unida, o partido do presidente, Vladimir Putin, e do primeiro ministro, Mikhail Mishustin, as reformas son vitais para asegurar a estabilidade nacional. 

Outra das principais mudanzas é a que permitirá que Putin se poida presentar de novo á reelección ao pór o contador de mandatos a cero. Tras máis de dúas décadas á fronte de Rusia ─ben como presidente, ben como primeiro ministro─, terá a opción doutros dous termos de seis anos cando en 2024 remate o actual.

Putin, de 67 anos, non manifestou intención de se presentar á reelección ─algúns analistas sinalan que pode que non o faga─, mais en varias ocasións defendeu a necesidade de que exista a posibilidade legal. En caso afirmativo, e de gañar os comicios presidenciais previstos para 2024 e 2030, converteríase no mandatario ruso máis tempo no poder desde Pedro o Grande, superando a Joseph Stalin.

Popularidade á baixa

Nun vídeo nas redes sociais, o líder opositor Alexei Navalny cualificou a votación de "show ilexítimo" deseñado para perpetuar a Putin no poder de por vida. "Nunca recoñeceremos este resultado", dixo, e anunciou mobilizacións, que serán no outono por mor da pandemia. "O que máis teme Putin é a rúa", sostivo. 

Putin, a respecto dos resultados, expresou o seu "agradecemento á cidadanía" polo "apoio e confianza", segundo informou a axencia Tass. O presidente dixo entender "aqueles que votaron en contra". "Moitos aínda teñen vidas duras, ao tempo que nós, os líderes do país, a miúdo pensamos que estamos a facer todo o posíbel", engadiu.

Segundo datos de xuño do centro de análise e sondaxes ruso Levada Center ─que o Goberno ruso acusa de ser xestionado por "axentes estranxeiros"─, o índice de aprobación de Putin está en 59%, lonxe do 90% alcanzado noutras épocas. Actualmente, Rusia é o terceiro país do mundo con maior número de contaxios da COVID-19, só por detrás dos Estados Unidos e do Brasil.

Comentarios