xoves 02/12/21

Ninguén está a salvo até estarmos todos a salvo

Díxose ao comezo da pandemia, repetiuse co avance da Covid e máis dun ano despois os organismos internacionais volven insistir: o virus –os virus– non entenden de fronteiras. Unha declaración oficial, coincidindo onte co inicio da asemblea anual da OMS, recálcao por enésima vez. E outro dato: só dez países acumulan 75% das doses postas.
oms_74asemblea_3
Tedros, director xeral da OMS, no discurso inaugural da 74º asemblea xeral, onte en Xenebra (Foto: OMS)

"En 2021, a economía mundial afronta a peor recesión desde 1945 [ano da fin da Segunda Guerra Mundial]. Para algúns países isto incrementará exponencialmente a pobreza e o sufrimento. Para outros significa fame e morte", alertan os asinantes dunha declaración internacional, que se fixo pública nas últimas horas coincidindo coa asemblea anual da OMS, inaugurada onte e que se estenderá até o vindeiro 1 de xuño.

Precisamente o seu director xeral, Tedros Adhanom Ghebreyesus, é un dos impulsores deste manifesto que de novo defende, que reclama, demanda e suplica por enésima vez aos Estados do mundo, un acceso xusto e igualitario ás vacinas contra a Covid-19 para todos os habitantes do Planeta.

Ademais de Tedros asinan a petición Henrietta Fore, directora de Unicef, a axencia da ONU para a infancia; Filippo Grandi, alto comisionado da ONU para as persoas refuxiadas; e Peter Maurer, presidente do Comité Internacional da Cruz Vermella. Tamén, líderes das principais relixións monoteístas do mundo.

"A distribución equitativa da vacina é un imperativo humanitario". Esa é a frase que encabeza a declaración, que leva por título outro enunciado taxativo: "Ninguén está a salvo até estarmos todos a salvo".

Neste sentido avogan por un sistema en que "se valore a vida de todo o mundo, e que se defenda o dereito aos coidados sanitarios de todas as persoas". "A xente non só necesita vacinas, necesita acceso a profesionais sanitarios preparados e equipados para ofrecer un apoio médico adecuado", engaden os subscritores do texto.

A Covid, mais non só

A preocupación primeira é o coronavirus ─"variantes do virus, potencialmente máis infecciosas e resistentes ás vacinas, continuarán a nos ameazar se non se controlan xa", din─, mais tamén "as moitas outras enfermidades que seguen a facer mal e matar", nun mundo "interdependente" onde "ninguén está a salvo até que todo o mundo está a salvo", insisten. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Neste sentido loan a iniciativa Covax de distribución de vacinas a nivel mundial, mais advirten de que "está destinada só a 20% da poboación global ─os máis vulnerábeis nos países con menos ingresos─ até final de 2021, e non está aínda claro se chegaremos a ese obxectivo".

Vítimas evitábeis  

Tedros volveu insistir onte, durante o discurso de apertura en Xenebra (Suíza) da 74ª asemblea anual da OMS, en que a "escandalosa" desigualdade no acceso ás vacinas ameaza con "perpetuar a pandemia". 

"Un pequeno número de países que fabrican e mercan a maioría das vacinas controlan o destino do resto do mundo", denunciou. Até agora, dez países acumulan 75% de todas as doses inoculadas no Planeta.

O director da OMS ofreceu outro dato dramático: polo menos 115.000 profesionais sanitarios faleceron como consecuencia da Covid-19 desde o inicio da pandemia, algo evitábel ─dixo─ se o reparto tivese sido máis equitativo desde o principio. Cara a elas e eles, "que salvaron innumerábeis vidas" e "pagaron o prezo máis alto no servizo a outros", dirixiu as palabras máis especiais do seu discurso. 

E recalcou: "O número de doses administradas globalmente até agora tería sido suficiente para cubrir todos os traballadores sanitarios e a poboación anciá".

Carreira contra a mutación

Mirando xa ao futuro, manifestou: "Hoxe chamo aos Estados membros a apoiar o impulso á vacinación masiva de polo menos 10% da poboación de cada país para setembro". Cifra que aspira a que sexa de 30% a final de ano ─humilde en comparación cos datos que xa ofrecen os países máis desenvolvidos do mundo pensando nun verán de viaxes e turismo─.

Ademais, Tedros asegurou que ao ritmo actual en tres semanas as mortes por Covid-19 en 2021 superarán as de todo o ano pasado. 

A mensaxe positiva é que, polo de agora, tanto as vacinas como os tratamentos están a ser efectivos fronte ás novas variantes do SARS-CoV-2. Porén, advertiu de novo: "O virus muda constantemente e isto podería tornar ineficaces as ferramentas coas que contamos. Debemos ter claro que a pandemia non rematou e non o fará até que a transmisión estea baixo control en todos os países".

Fortalecer a OMS para as pandemias que virán

Pola 74ª asemblea da OMS pasarán estes días ─de maneira virtual─ os xefes de Estado e de Goberno dos 194 países membros. Un dos primeiros en o facer foi o presidente francés, Emmanuel Macron, que avogou por que a OMS conte con maiores competencias para visitar países en caso de surtos dunha nova enfermidade infecciosa, sen "presións políticas" nin sospeitas de que actúa baixo elas, matizou. 

Tamén a presidenta do Goberno alemán, Angela Merkel, apoiou o fortalecemento da OMS e a creación dun "consello mundial de ameazas sanitarias", na liña da resolución presentada pola UE á asemblea para a súa consideración. 

Pola súa banda, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, avogou pola importancia de compartir coñecemento, avanzar na transferencia de tecnoloxía e liberar patentes, algo ao que non fixeron referencia nin Macron nin Merkel. 

No que si coincidiron os tres é na necesidade de estar preparados canto antes. Porque haberá novas pandemias. 

Ninguén está a salvo até estarmos todos a salvo
comentarios