O nacionalismo logra 20% dos votos nas eleccións de Sardeña

sardeña

Sardeña elixiu novo presidente e 60 conselleiros e conselleiras nas eleccións rexionais que se realizaron o pasado 24 de febreiro. Uns comicios que gañou a coalición de centro-dereita, que derrotou á lista de centro-esquerda liderada por Massimo Zedda, alcalde da capital (Casteddu), e que obtivo 33% dos votos. A candidatura do Movemento 5 Estrelas logrou 11% dos sufraxios, un resultado que eles propios recoñecen como malo. En 2014 a vitoria nas eleccións sardas fora para o centro-esquerda do Partido Democrático.

As diferentes listas e candidaturas presentadas polo nacionalismo e independentismo sardo atinxiron 19,1% dos votos, un resultado superior ao que sumaron as diferentes forzas do sardismo nos comicios de 2014 (18%). Aquel resultado fora un avanzo importante a respecto da anterior cita (2009), cando atinxiran entre todas apenas 10% do apoio.

Entre as papeletas sardistas a maís apoiada foi a do PsdÀz, o Partito Sardo d’Azione, formación que vai camiño do século de vida, e que logrou nestas eleccións rexionais case 10% dos votos. No artigo primeiro dos seus estatutos ratifica como o seu principal obxectivo “conducir a Nación sarda á independencia”. Tal declaración non lles impediu tecer alianzas e pactos con forzas italianas, quer de esquerdas quer, nomeadamente, de dereita. Nestes comicios, de feito, facía parte do bloque de dereitas canda partidos como A Liga, Forza Italia ou a fascista Fretelli d’Italia.

A independentista Partido dos Sardos logrou 3,7% e a tamén independentista Sardi Liberi, abeirou 2%. Unha terceira candidatura independentista, Autodeterminatzione, obtivo 1,84%. Entre as tres sumarían 7,5% dos sufraxios e terían representación na asemblea sarda. Porén, ao ir separadas fican sen entrar na Cámara.

Por último, Fortza Paris, que naceu en 2004 da unión de diferentes forzas (Partito del Popolo Sardo, Unità del Popolo Sardo...) e se reclama federalista, situándose no centro-dereita, atinxiu 1,63% dos sufraxios.

Comentarios