O mundo supera os 300 millóns de contaxios da Covid-19

Case 5,5 millóns de persoas falecidas con coronavirus.
Usuarios do aeroporto de Barcelona coa máscara. (Foto: Europa Press)
photo_camera Usuarios do aeroporto de Barcelona coa máscara (Foto: Europa Press).

A pandemia de coronavirus deixou até o momento máis de 300 millóns de casos no mundo, con perto de 5,5 millóns de persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19, segundo os datos publicados esta sexta feira pola Universidade Johns Hopkins a través da súa páxina web.

O centro indicou que se teñen confirmado oficialmente 300.309.930 contaxios desde a declaración da pandemia en marzo de 2020, con 5.472.675 vítimas mortais. Así, detallou que durante o último día se detectaron máis de 2,4 millóns de positivos a nivel mundial, con perto de 7.000 decesos, no medio dunha repunta das cifras impulsada pola propagación da variante Ómicron.

Neste senso, o mundo superou o 3 de xaneiro por vez primeira a barreira dos dous millóns de casos en 24 horas, que rexistrou a diario desde entón, despois de pechar 2021 por primeira vez por encima do millón de casos diarios. A Universidade Johns Hopkins apuntou na súa páxina web que durante os últimos 28 días notificáronse 31.602.933 casos e 182.398 mortos, nunha mostra da tendencia á alza rexistrada o último mes por mor da variante ómicron.

Estados Unidos figura como o país máis afectado en cifras totais a nivel mundial, con perto de 58,5 millóns de casos e case 834.000 mortos. Por detrás figura India, con arredor de 35,2 millóns de positivos e máis de 483.000 mortos.

Pola contra, durante os últimos 28 días os países que confirmaron máis contaxios son Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Italia, España e Alemaña. Estados Unidos sumou máis de 8,8 millóns de positivos, mentres que Reino Unido roza os 3,4 millóns de positivos.

Pola súa parte, as autoridades francesas confirmaron máis de tres millóns de casos en 28 días, mentres que Italia, España e Alemaña son os outros países que informaron de máis dun millón de casos neste período, o que sitúa a Europa como principal epicentro da pandemia nestes momentos.

O organismo anunciou o 11 de marzo de 2020 a súa decisión de declarar a pandemia por mor do novo coronavirus SARS-CoV-2, causante da Covid-19 e detectado por primeira vez na cidade chinesa de Wuhan.

Comentarios