O mozo de Díaz Ayuso pide catro anos de prisión para o fiscal xeral por revelación de segredos
Alberto González Amador, parella da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, pediu ao Tribunal Supremo que envíe a xuízo o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, e que o condene a catro anos de prisión por un delito de revelación de segredos.
Así consta nun escrito, ao que tivo acceso Europa Press, no que tamén reclama que se suspenda de emprego e soldo a García Ortiz por tres anos, así como a pena accesoria de inhabilitación especial para o cargo de fiscal xeral do Estado. Así mesmo, solicita que se lle impoña unha multa de 108.000 euros.
No caso da fiscal xefa provincial de Madrid, Pilar Rodríguez –procesada xunto a García Ortiz–, o noivo de Díaz Ayuso pide tres anos de prisión, suspensión de emprego de dous anos e multa de 36.000 euros, así como a pena accesoria de inhabilitación especial para o cargo que ocupa.
González Amador considera que ambos protagonizaron "feitos delituosos" que lle causaron un "continuado e incesante dano na intimidade, a protección de datos, a presunción de inocencia, o dereito de defensa e a honra de imposible restitución". Por iso, solicita que os dous acusados o indemnicen polos "prexuízos morais causados" cunha contía de 300.000 euros.
Ao fío, sostén que García Ortiz e Rodríguez "son responsábeis civís directos e subsidiarios": el como autor do delito de revelación de segredos e ela como cooperadora necesaria do devandito delito, "correspondendo ao primeiro unha cota de 3/5 e á segunda unha cota de 2/5".
O escrito de acusación apóiase tamén en que "García Ortiz posúe baixo a súa disposición por apropiarse del e non devolvelo" o teléfono móbil "que usaba entre os días 7 e 14 de marzo de 2024". Para o avogado, se non o entregou, podendo conter probas da súa inocencia, é porque "evidentemente" en realidade albergaría "o rexistro detallado da súa actividade delituosa".
