Mostra de boa fe do ELN en Colombia para chamar a reiniciar as conversas de paz

Pintada a favor do Exército de Liberación Nacional no departamento colombiano de Arauca. (Foto: El Tiempo / Zuma Press / Contactophoto)
A guerrilla libera seis integrantes das forzas públicas en Arauca, maioritariamente militares, tras os primeiros contactos co Estado, abrindo a porta a reactivar o diálogo de paz bloqueado en 2019 polo Executivo que daquela lideraba Iván Duque.

Até seis membros das forzas públicas colombianas foron liberados polo Exército de Liberación Nacional (ELN) no departamento de Arauca, informou a Defensoría do Pobo, explicando que nunha misión humanitaria onda a Igrexa católica entregáronlles dous suboficiais e tres soldados das Forzas Armadas, así como un integrante da Policía.

“As liberacións recíbense como unha mostra de boa vontade do ELN fronte a unha eventual mesa de negociación co Goberno de Gustavo Petro”, apuntaron as autoridades araucanas tras a liberación. Os capturados levaban entre un e dous meses retidos.

Entrementres, a guerrilla trasladou nun comunicado recollido por El Tiempo que valoran a vontade do novo Executivo colombiano de “recoñecer os anteriores compromisos do Estado e garantir as medidas políticas e xurídicas que permitan reactivar as conversas na procura da paz con transformacións e xustiza social”.

A nova chegou pouco despois dunha intervención pública do presidente Gustavo Petro na que reclamaba unha tregua ás organizacións armadas, facendo fincapé na “gravidade da situación que se aveciña”, en referencia á vaga de chuvias que se agarda no país, agudizadas polo fenómeno da Niña. Se toca “salvar xente, que terríbel sería que, ademais, o cruce dos disparos impedise os labores [de axuda] en moitas rexións”, asegurou.

Cara ás conversas de paz

Desde que a finais da semana pasada, os ministros de Exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez, e de Colombia, Álvaro Leyva, fixeran público na Habana a decisión de reiniciar o diálogo entre o Estado e o ELN, os feitos precipitáronse, e apenas fica pendente saber a data exacta na que comezarán as conversas, bloqueadas desde 2019.

Un día despois, o Alto comisionado para a paz do Goberno de Colombia, Danilo Rueda, ratificaba que o gabinete de Petro recoñecía oficialmente a lexitimidade da delegación da guerrilla, que xa se atopaba na capital cubana.

Após o primeiro contacto, a delegación gobernamental indicou que o “ELN dará os pasos precisos para volver á mesa de negociación”, unha vez constatado que “comparte a vontade de paz do Goberno”.

A comezos desta semana, foi directamente o líder do ELN, Antonio García, quen sostiña que “as partes coincidimos na necesidade de reiniciar un proceso de diálogo con feitos que demostren á sociedade colombiana e ao mundo que esta vontade é real”, satisfeito da predisposición do Goberno de Petro de “iniciar o camiño para a reactivación das conversas”.

O plan do novo gabinete abarca non só ao ELN, senón a múltiples actores armados que operan no territorio. Antes da investidura, o mandatario debullou que, mentres nalgúns casos as negociacións terán un carácter político, na meirande parte será un diálogo en termos xudiciais.

Porén, canto menos no que atinxe ao ELN, o comezo das conversas está moi perto, transmiten as autoridades colombianas. “Saiban que hai un pobo agardándoos de brazos abertos, disposto a rodealos e apoialos na loita por rematar co conflito armado”, trasladou á guerrilla o antigo comandante das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) e secretario xeral da formación herdeira, Comúns, Rodrigo Londoño.

Paramilitares e narcotraficantes buscan diálogo

Xa antes de que Petro tomara posesión o 7 de agosto como novo presidente do país, 40 agrupacións armadas de paramilitares e narcotraficantes asinaron un documento no que propuñan a Petro un cesamento á violencia para iniciar un diálogo de paz. O primeiro en tomar a iniciativa foi o Clan do Golfo, o máis importante grupo paramilitar e narcotraficante de Colombia, que declarou unha tregua poucos minutos despois de comezar o acto de investidura de Petro.

A principal petición destes grupos é que se impida a extradición dos seus membros. Con todo, a diferenza das negociacións co ELN, a opinión pública está máis dividida nestes casos, onde xornais como El Espectador exixen "sometemento" e non negociación. Amais, tamén quedan pendentes neste proceso as conversas coas disidencias das FARC.