Gustavo Petro, escollido presidente de Colombia con 50,49% dos votos

O seu rival, Rodolfo Márquez, obtivo 47,26% dos votos.
Gustavo Petro e Francia Márquez, celebrando a vitoria electoral deste domingo. (Foto: Europa Press
photo_camera Gustavo Petro e Francia Márquez, celebrando a vitoria electoral deste domingo. (Foto: Europa Press)

Despois de presentarse en 2010 e 2018, Gustavo Petro convértese finalmente en presidente de Colombia, após superar ao candidato da dereita populista, Rodolfo Hernández, na segunda volta das eleccións presidenciais deste domingo.

Petro, que xa fora elixido na Alcaldía de Bogotá en 2011 coa formación política Progresistas, obtivo 50,49% dos votos. Isto supón máis de tres puntos que o seu rival, Hernández, quen obtivo 47,26% dos votos. Estes datos corresponden con 99,76% das mesas electorais xa escrutadas.

O novo presidente de Colombia, cunha ampla traxectoria no ámbito político e social de Colombia, asegurou despois de confirmarse a súa vitoria que "é día de festa para o pobo. Que festexe a primeira vitoria popular. Que tantos sufrimentos amortigüen na ledicia que hoxe inunda o corazón da Patria".

"Esta vitoria para Deus e para o Pobo e a súa historia. Hoxe é día das rúas e as prazas", engadiu.

Xornada histórica

A xornada electoral deste domingo en Colombia foi histórico por múltiples factores. En primeiro lugar, porque a dereita tradicional do país, encabezada nos últimos anos polo uribismo, non foi quen de chegar á segunda volta por primeira vez.

Precisamente, o ex presidente de Colombia entre 2002 e 2010, Álvaro Uribe Vélez, manifestaba esta madrugada, despois de confirmarse a vitoria de Petro, que "para defender a democracia é menester acatala. Gustavo Petro é o Presidente. Que nos guíe un sentimento: Primeiro Colombia".

Ademais, a vitoria de Petro, que lideraba a coalición Pacto Histórico xunto coa avogada e activista afrocolombiana Francia Márquez, supón a primeira vez que a esquerda colombiana goberna no país.

Xa en marzo deste ano, a coalición conseguira imporse nas eleccións lexislativas de Colombia, obtendo 17.35% dos votos.

Comentarios