Doce persoas detidas polo ataque terrorista de Londres

Dez mortos, entre eles os 3 atacantes, e 48 feridos no atentado. Unha furgoneta atropelou varias persoas na Ponte de Londres e despois houbo acoitelamentos nun mercado próximo, Borough. O ataque prodúcese a poucos días das eleccións lexislativas. É o segundo atentado en Inglaterra en apenas 15 días. A primeira ministra, Theresa May, afirma que cómpre revisar a estratexia anti-terrorista e dar máis poderes ás forzas de seguridade. Hai unha ducia de persoas detidas.

londres ataques @yankifarbewr
photo_camera Imaxe de @yankifarbewr

Un novo ataque terrorista en Londres, o segundo en apenas 15 días en Inglaterra, deixa sete persoas mortas e perto de medio cento feridas, para alén dos tres atacantes abatidos pola Policía. Unha furgoneta branca a gran velocidade atropelou varios peóns na Ponte de Londres. Dela baixaron tres persoas que se dirixiron até o próximo mercado de Borough, zona de lecer nocturno, onde acoitelaron varias persoas, segundo a versión dos medios británicos.

Os tres supostos terroristas foron abatidos pola Policía. Levaban adosados o que semellaba chaleques con explosivos mais que resultaron ser falsos. A primeira ministra, Theresa May, e a Policía, falan de ataque terrorista, se ben este aínda non foi reivindicado.  May sinalou que após os ataques terroristas que se produciron este ano no Reino Unido é mester "revisar" a política anti-terrorista e avogou por dotar de más poderes ás forzas de seguridade. "Hai demasiada tolerancia do extremismo no noso país", afirmou. Hai unha ducia de persoas detidas en relación ao atentado desta noite.

O ataque, que tivo lugar ás 21:00 GMT, é o segundo que sofre Inglaterra en apenas 15 días. Hai dúas semanas, en Manchester, un atentado nun concerto causou 22 mortos e 64 persoas feridas. Cinco meses antes, 5 persoas foran asasinadas noutro ataque na ponte de Westminster. Este último ataque terrorista ten lugar a catro días das eleccións lexislativas británicas. O alcalde de Londres, Sadiq Khan, falou dun "ataque deliberado e covarde" contra inocentes.

O Ministerio de Asuntos Exteriores, a través do Consulado xeral de España en Londres habilitou2 números de teléfono de emerxencia: 07712764151 para chamar desde Reino Unido e +447712764151 para facelo desde o estado español.

Comentarios