Morren o ministro do Interior de Ucraína e outros altos cargos do Goberno tras estrelarse un helicóptero perto de Kíiv

Lugar do sinistro, en Brovary. (Foto: @haberseyret / Twitter)
As autoridades manteñen abertas todas as hipóteses.

As autoridades ucraínas veñen de informar da morte de cando menos 18 persoas após estrelarse na mañá desta cuarta feira un helicóptero contra un edificio, próximo a unha gardaría, na cidade de Brovary (rexión de Kíiv). Entre as vítimas están dúas crianzas e varios altos cargos do Ministerio do Interior, segundo trasladou o xefe da Policía Nacional, Ígor Klymenko.

O propio ministro responsábel desta carteira, Denis Monastirski, así como o seu viceministro, Evgueni Yenin, e o secretario de Estado de Interior, Yuriy Lubkovich. A aeronave na que circulaban, pertencente ao servizo estatal de emerxencias, caeu sobre o edificio contra as 9 horas [hora da Galiza].

"No momento da traxedia, crianzas e traballadores da institución estaban na gardaría. Todo o mundo foi evacuado", precisou o gobernador da rexión, Oleksiy Kuleba, após ter coñecemento do sucedido.

Desde Kíiv manteñen abertas todas as hipóteses: "Investigadores e expertos están a traballar agora no lugar da traxedia. Están a levarse a cabo medidas de instrución de carácter urxente. Neste momento estamos a considerar todas as versións posíbeis do accidente de helicóptero. A instrución sumarial foi confiada aos investigadores do SBU [os servizos secretos do interior]", dixo o fiscal xeral, Andrei Kostin, en declaracións recollidas por Unian.

O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, lamentou a morte do ministro ucraíno: "Unímonos a Ucraína na dor polo tráxico accidente en Brovary. O ministro Denis Monastirski era un grande amigo da Unión Europea", manifestou.

Esta mesma cuarta feira, a primeira hora, o ex primeiro ministro belga defendera o envío de máis armamento a este país: "O momento é agora: Necesitan urxentemente máis equipamentos e estou persoalmente a favor de fornecer tanques a Ucraína".