Portugal

Militantes do Bloco de Esquerda critican a aproximación ao Partido Socialista

Consideran que a dirección do BE precisa de maior autonomía e de mais afirmación das propostas do partido, en troques de andar "à procura do entendimento com o PS".
carolina_martins
photo_camera A líder do Bloco de Esquerda, Carolina Martins [Bloco de Esquerda]

Unha importante parte de militantes do Bloco de Esquerda (BE) fixeron chegar aos medios portugueses a súa posición contraria á aproximación da formación ao Partido Socialista (PS) nestes últimos tempos.

Segundo publicaron, entre outros, a televisión pública RTP e o diario Público, un abundante grupo membros do partido mantiveron unha xuntanza na fin de semana para preparar unha moción, que será presentada na próxima convención do BE. Con todo, aseguraron que non están a valorar a posibilidade de crear unha nova corrente ou de preparar unha escisión. 

Os medios citan João Madeira,  membro do Bloco de Esquerda desde a súa fundación. Este informou de que o movemento leva por nome Convergência e que reúne militantes do BE de "diferentes sensibilidades" que "estão preocupados" coa situación actual da formación.

"Maior autonomía"

Aínda que este grupo considera que os resultados electorais foron "bastante satisfatórios", tamén se pensa que a dirección do BE precisa de maior autonomía e de mais afirmación das propostas do partido, en troques de andar "à procura do entendimento com o PS".

No encontro foi debatido un manifesto que será transformado na citada moción. "Vamos à convenção apresentar uma moção. As listas não são independentes das moções. A existência de uma moção política implica assumir responsabilidades na apresentação de uma lista. O resultado que obtivermos refletir-se-á na nossa participação dentro das estruturas nacionais do Bloco. Não se trata de disputar o cargo A ou B", afirmou João Madeira.

Estas declaracións dan a entender que á moción que se presente irá asociada unha lista aos órganos de decisión do partido

O PS, que gañou as eleccións en outubro, goberna Portugal con apoios puntuais de, entre outros, o BE, ao contrario do que acontecera na lexislatura anterior, cando asinara acordos escritos tanto co BE como co Partido Comunista e con Os Verdes.

Comentarios