Matrimonio infantil, cárcere letal de nenas

O empobrecemento e a guerra que se vive en moitos países castiga dobremente a infancia. As nenas especialmente sófrena en forma de abusos sexuais. O matrimonio infantil é unha fuxida desesperada para algunhas familias. Porén, moitas menores caen nunha prisión que acaba coas súas vidas. Esta segunda feira marcouse o seu día.
paul_blow-rescue
photo_camera Ilustración da ONG Comité de Rescate Internacional sobre o matrimonio infantil. Esta segunda feira marcouse o Día Internacional da Nena (Foto: Paul Blow / IRC)

Máis de 22.000 meniñas morren anualmente durante o embarazo ou o parto despois de seren obrigadas a casar e procrear sen teren alcanzado unha mínima madurez psicolóxica e física. Unha práctica que se continúa a reproducir en todo o mundo, ben avanzado xa o século XXI. Case a metade dos falecementos prodúcense en África Occidental e Central, cunha media de 26 mortes ao día.

Esta rexión suma arredor de 9.600 falecementos anuais, e a mortalidade de adolescentes embarazadas é catro veces maior que en calquera outra parte do mundo. No sueste asiático rexistráronse até 2.650 mortes anuais, mentres que en Latinoamérica a cifra de 560. Son datos da organización Save the Children, difundidos esta segunda feira con motivo do Día Internacional da Nena.

A correlación entre pobreza económica e matrimonio infantil é evidente. Un problema que a pandemia da Covid-19 veu a agravar: o feche de escolas, a saturación dos servizos sanitarios ou a dependencia dunha economía de rúa en cidades confinadas empuxaron máis familias á pobreza, máis mulleres a seren obxecto de violencia doméstica e máis nenas a casar.

Un estudo elaborado en Nixeria pola ONG apunta que está moi estendida na sociedade a idea de que as crianzas nacidas de nais de curta idade son máis sas e intelixentes. Tamén, que as raparigas "reviven" os homes maiores co seu "sangue máis novo".

De acordo cos datos recompilados por outra organización, o Comité de Rescate Internacional (IRC), Níxer é o país do mundo coa maior taxa de menores de 18 anos casadas, con arredor de tres de cada catro. E unha de cada cinco adolescentes dá a luz antes desa idade. Por detrás, Centroáfrica, cunha porcentaxe de 68% de menores casadas.

Arma de guerra

Nestes países, entre os máis pobres do continente e con constantes conflitos bélicos, a violación de nenas e de adolescentes é usada como arma de guerra. Ademais, apenas unha de cada catro meniñas completa a educación primaria (porcentaxe que se duplica no caso dos varóns).

Tamén nos países árabes, as nenas son dobremente vítimas das guerras en curso. No Iemen, desde que en 2014 se iniciou o actual conflito, os matrimonios infantís duplicáronse, segundo datos do IRC. Un dos motivos é precisamente fuxir do rapto e explotación sexual. 

En Siria, apunta un estudo desta ONG creada na década de 1930 polo científico Albert Einstein, máis da metade das raparigas foron casadas por este motivo. Porén, este mesmo informe sinala que dentro do matrimonio unha alta porcentaxe se ve sometida á violencia doméstica.

Inger Ashing, dirixente de Save the Children, considera que "o matrimonio infantil é unha das peores e máis letais formas de violencia sexual" contra as menores. "Os partos son o principal causante das mortes de adolescentes porque os seus corpos novos non están aínda preparados para xestar crianzas", salienta, e fai un chamamento aos Gobernos para que prioricen a protección das nenas. Para que se teña presente a discriminación por sexos tamén á hora de dar unha resposta humanitaria á crise pola Covid-19 ─que nos países pobres segue moi presente. 

As adolescentes do Afganistán seguen á espera de poder regresar ás aulas 

"Vexo unha valentía nas nenas e mulleres do Afganistán que non vin en ningún outro lugar, porque os medos e as presións son reais e, malia recoñecelos, continúan adiante de todas as maneiras". Son as declaracións de Sam Mort, a responsábel de comunicacións de Unicef neste país, coincidindo co Día Internacional da Nena. Recentemente regresou o curso escolar para os adolescentes varóns, porén as raparigas continúan a esperar unha decisión do novo Goberno ao respecto. Na fin de semana, a canle local 'Tolo News' informaba de que en tres provincias comezara o seu regreso nalgunhas escolas despois de seren segregadas. A ONU declarou o Afganistán durante seis anos consecutivos ─xa antes dos acontecementos deste verán─ o lugar máis letal para a infancia. Arredor de oito millóns de nenas e nenos precisan axuda  humanitaria.

Comentarios