Manobras rusas na fronteira con Ucraína depois de os sectores pro-Moscova tomaren o Parlamento de Crimea

Comezou o despregamento de tropas, até 150 mil soldados, na fronteira rusa con Ucraína. Moscova desvincula o movimento da queda do seu aliado en Kiev.

confronto
photo_camera Confrontos nas rúas de Simferopol

A temperatura volta a subir nunha das zonas máis quentes do planeta neste momento. Arredor de 150 mil soldados rusos comezaron a se despregaren, nunhas manobras militares nas inmediacións de Ucraína. A versión oficial de Moscova é que xa estaban programadas. As novas autoridades de Kiev -xurdidas do golpe insurxente contra o goberno de Iakunovich, un levantamento patrocionado polos EUA e a UE- interpretan o movimento ruso como unha advertencia.

As manobras do Exército ruso, que envolven un enorme continxente de soldados, chegan apenas horas depois de unha multitude pro-rusa ter tomado na capital de Crimea, Simferopol, edificios gubernamentais e o Parlamento. Bandeiras rusas ondean neste momento. Non foi sen disturbios e sen enfrontamentos violentos, entre os pro-rusos e os pro-occidentais [basicamente a populación de orixe tártara].

Crimea é neste momento a única República autónoma dentro de Ucraína.

Crimea é neste momento a única República autónoma dentro de Ucraína. Até a década dos 50 do pasado século fixo parte de Rusia. O seu cambio de estatus -a súa dependencia de Kiev- foi decidida nunha reunión do Comité Central do PCUS.

As pulsións independentistas en Crimea aumentan por momentos, o que non é nada sorprendente dado que non só esta República, senón que tampouco o resto de territorios orientais e sureños de Ucraína recoñecen a lexitimidade das novas autoridades de Kiev.

Advertencia dos EUA

Obviamente, o despregamento de tropas rusas tivo o seu impacto nos EUA. O seu secretario de Estado, John Kerry, advertiu a Moscova que unha eventual intervención rusa en Ucraína constituiría un "grave erro".

"Un país que con tanta frecuencia ten falado contra as intervencións estranxeiras en Libia, en Siria e toda a parte, sería importante que tivese en conta as súas pasadas advertencias", dixo Kerry, quen instou a Rusia a que non perdese de vista que Ucraína é un Estado soberano.

Os EUA preparan un forte pacote de investimentos en Ucraína, por volta dos 1.000 millóns de dólares. Kerry negou que ese plano económico visase contra-restar a influencia rusa: "Isto non é Rocky IV".

Comentarios