EUA, UE e FMI amosan apoio ao novo réxime de Ucraína

Anuncian que apoiarán economicamente o goberno ucraíno --actualmente liderado polo ultra-dereitista Alexandr Turchinov-- mentres unha maré se concentrou en Crimea en defensa da autonomía desta península pro-rusa. 

crimea
photo_camera [RIA Novosti / Taras Litvinenko)]

O goberno dos EUA e as institucións europeas amosaron publicamente o seu apoio ao novo réxime instaurado na Ucraína após o derrocamento de Víktor Yanukóvich. O executivo provisional ucraíno, liderado polo ultra-dereitista Alexandr Turchinov, conta co apoio do Maidan --@s manifestantes atrincheirad@s durante semanas na Praza da Independencia de Kiev-- mais tamén co do goberno estadounidense e as institucións económicas internacionais, entre elas o FMI. 

Neste senso, a presidenta do Fondo Monetario asegurou que apoiarán economicamente o novo réxime após salientar o primeiro ministro en funcións que pularán pola integración europea, unha das cuestións que orixinaron o conflito no país. Pola súa banda, Jack Lew, secretario do Tesouro dos EUA anunciou o seu desexo de que Ucraína "adopte as reformas precisas para asegurar que a súa economía funcione". Desexos que se sumaron á axuda ofrecida polo propio FMI. 

Crimea en tensión na defensa da súa autonomía

Após os duros enfrontamentos entre manifestantes e policía, que remataron co derrocamento do ex-presidente Víktor Yanukóvich, a tensión espállase agora cara á parte oriental da Ucraína onde se concentran os territorios pro-rusos. No concreto, é a península de Crimea a que congregou a milleiros de persoas ás portas do Parlamento para defender a autonomía da Cámara. 

As persoas concentradas en Crimea denunciaron a tomada da Rada --Parlamento ucraíno-- por forzas da ultra-dereita ao tempo que o poder lexislativo debatía sobre a crise política aberta no país e pulaba polo mantemento da súa autonomía face as voces que claman pola súa integración nas dinámicas da Ucranía. 

A tensión na rexión e o aliñamento da NATO na defensa do novo réxime ucraíno --expresada polo seu propio secretario xeral, Anders Fogh Rasmussen-- provocou movementos en Moscú que mobilizou xa as súas forzas militares na área occidental, fronteiriza con Ucraína. Desde o Kremlin chaman a respectar a independencia e soberanía ucraínas mais desde a NATO advirten que non cederán terreo e que se implicarán na defensa do novo goberno, até o momento provisional.

Comentarios