Moncloa levará á UE e á ONU as leis contra a memoria de PP e Vox

Violación dos acordos de dereitos humanos.
Pedro Sánchez nun centro para identificar vítimas da ditadura, a quinta feira. (Foto: Moncloa)
photo_camera Pedro Sánchez nun centro para identificar vítimas da ditadura, a quinta feira. (Foto: Moncloa)

Tres días despois de anunciar que apelaría ante o Tribunal Constitucional as leis contra a memoria histórica impulsadas en Castela e León, País Valencià e Aragón, gobernados conxuntamente por Partido Popular (PP) e a ultraespañolista Vox, o Executivo español fixo público a quinta feira que “pola súa gravidade” as denunciará perante o relator sobre Verdade, Xustiza e Reparación e o relator de Execucións Extraxudiciais da Organización das Nacións Unidas (ONU), o Parlamento da Unión Europea e o Consello de Europa.

Na ONU solicítase unha avaliación sobre o seu encaixe nas “prácticas internacionais e os compromisos internacionais” do Estado no tocante aos dereitos humanos, e no Consello abordarase a “posíbel” violación das disposicións do Convenio de Dereitos Humanos.

A lexislación impugnada xa foi aprobada en Aragón e está no medio da súa tramitación parlamentaria nos outros dous territorios. Estas normas, que a dereita e a ultradereita cualifican de “concordia”, buscan equiparar a II República española coa ditadura e minimizar os crimes perpetrados no franquismo.

Comentarios