Líderes do Partido Republicano, entre estes os influentes senadores Mitch McConnell e Marco Rubio, mantivéronse á marxe das acusacións de irregularidades do presidente Donald Trump e defenderon en cambio a contaxe en marcha dos votos.
McConnell, líder da maioría republicana no Senado, saíu ao paso das acusacións de Trump e admitiu que aínda que este ano hai un maior número de Estados con votacións anticipadas e por correo (101 millóns de sufraxios en total), os candidatos débense adaptar "ás regras de cada Estado". "Afirmar que gañou as eleccións é diferente a terminar a contaxe", sinalou, e engadiu que "a decisión dos Estados sobre como levar a cabo a elección non é asunto do Goberno federal".
Despois de denunciar sen probas unha "fraude", Donald Trump proclamouse na cuarta feira gañador en Pensilvania, Georgia, Carolina do Norte e Michigan, catro Estados chave.
"Usar días para contar os votos emitidos legalmente non é fraude", escribiu pola súa banda Rubio no Twitter. Horas antes, xa asegurara: "O resultado da carreira presidencial coñecerase despois de que se conten todos os votos legalmente emitidos".
"Mala estratexia"
Tamén na mesma liña se pronunciou o ex gobernador republicano Chris Christie, asegurando na cadea ABC News que hai que deixar que o proceso se desenvolva antes de xulgalo como defectuoso. "É unha mala decisión estratéxica, é unha mala decisión política e non é o tipo de decisión que se esperaría que tomase esta noite [en alusión ao anuncio de Trump na madrugada da cuarta feira] alguén que ocupa o cargo que ocupa", agregou Christie, que ademais é asesor do presidente e pasou varios días ingresado en coidados intensivos pola Covid-19.
Os EUA amenceron onte por segundo día sen un gañador nas eleccións presidenciais, con cinco Estados aínda sen adxudicar e cada vez menos votos que computar para dirimir unha contenda en que o demócrata Joe Biden está mellor situado para alzarse coa vitoria final, mais na que Trump aínda non tirou a toalla.
As denuncias infundadas de fraude suscitadas polo presidente durante a mesma noite electoral, ás que seguiron distintos recursos xudiciais en tres Estados ─dous destes, Pensilvania e Georgia, aínda sen decidir, segundo os medios estadounidenses─, non paralizaron o reconto que, como xa auguraran tanto as autoridades como os expertos, viuse afectado polo elevado número de votos anticipados e por correo emitidos.
No entanto, os cinco Estados aínda sen un gañador claro ─Pensilvania, Carolina do Norte, Georgia, Nevada e Arizona─ seguiron adiante coa contaxe de votos, apelando á calma e a confiar no proceso electoral, que nos Estados Unidos está moi marcado polas lexislacións estatais.
Co paso das horas, son menos os votos pendentes de contabilizar e producíronse lixeiras variacións en canto ao resultado previsto, mais aínda non dabondo como para declarar a Biden ou a Trump como gañadores en ningún deles.
O Estado que máis debate suscitou foi Arizona, tradicionalmente un bastión republicano, mais que nestas eleccións se auguraba que podería votar demócrata. Aquí, tanto a axencia Associated Press como a cadea conservadora Fox News deron xa como ganador a Biden, mais o resto de medios insisten en que aínda non está nada decidido.
Nos Estados Unidos non é o Departamento do Interior nin os Estados ou os Condados quen informan do reconto e dos resultados preliminares senón os medios de comunicación, que fan as súas propias proxeccións. Fundada en 1846 como unha cooperativa de varios diarios e radios estadounidenses, Associated Press é, neste sentido, a referencia a nivel nacional.
Datas límite
En Pensilvania, as normas estabelecen que os condados non poden comezar a contar papeletas até fecharen os colexios e mesmo algúns non o comezan a facer até o día seguinte. Ademais, o voto por correo pode chegar até o día 6 de novembro, é dicir, até hoxe, que é cando debería finalizar a contaxe.
En Carolina do Norte o reconto acaba na mesma noite electoral, mais o prazo para recibir votos por correo esténdese até o 12 de novembro. En Georgia, o habitual é que todos os votos estivesen contados na mesma noite electoral, data límite ademais para recibir o voto por correo.
Tamén en Arizona o 3 de novembro, o día dos comicios, era cando tiñan que estar no colexio todos os sufraxios non emitidos presencialmente, mais este Estado tradicionalmente acumula unha gran cantidade de votos a contar para os días posteriores á cita electoral. Por último, Nevada ten de data límite para recibir o voto por correo ─que non, evidentemente, como no resto dos caso, para emitilo─ o 10 de novembro.
Donald Trump, "un líder carismático"
Para o sociólogo arxentino Atilio Borón, "calquera que sexa o resultado final desta elección [...] hai unha conclusión inevitábel e preocupante: o desempeño electoral de Donald Trump foi excepcional para un presidente que é responsábel dunha traxedia sanitaria como a da Covid-19".
Na análise, que publicou na cuarta feira o xornal Página 12, Borón asegura que "o principal saldo, por agora, desta elección [...] é a consolidación dunha dereita populista radical mais que agora, por obra de Trump, adquire unha resonancia de masas que xamais tivo o Tea Party nin ningunha outra expresión dos republicanos desde a época de Teodoro Roosevelt, a comezos do século XX e, en parte, Ronald Reagan".
E alerta que de perder Trump "esa masa plebea e furiosa ficaría orfa", mais "dispoñíbel para novas interpelacións populistas e de dereita doutro líder carismático".