O lexislativo arxentino debate a 'Lei ómnibus' da extrema dereita

Prevese que a proposta sexa aprobada
O presidente arxentino, Javier Milei, a pasada semana. (Foto: Victoria Gesualdi / Télam)
photo_camera O presidente arxentino, Javier Milei, a pasada semana. (Foto: Victoria Gesualdi / Télam)

Após as negociacións das forzas conservadoras con A Liberdade Avanza, a forza de extrema dereita do presidente arxentino Javier Milei, a ‘Lei ómnibus’ comezou hoxe a ser debatida no Pleno da Cámara de Deputados con arredor de 300 artigos menos que a proposta inicial, nunha sesión que se estima que se alongue até 35 horas.

O xornal La Nación adianta que o texto conta con apoios dabondo para ser aprobado, mais non se descartan mudanzas en artigos como os que tratan as privatizacións das empresas públicas, nos que Milei xa renunciou a vender YPF, pero os seus aliados piden que o lexislativo controle o proceso.

Caída da economía

Poucas horas antes, a Cámara Nacional de Apelacións do Traballo sentenciou que a reforma laboral que pretendía implementar por decreto o mandatario é inconstitucional, e o Fondo Monetario Internacional -que defendeu as súas políticas- revisou a previsión de 2024 para a economía arxentina, avanzando unha recesión cunha caída de 2,8%, cando en outubro pasado prevía un incremento de 2,8%.

Comentarios