Letonia xustifica a prohibición de 121 medios rusos na difusión do letón

Por outra parte, as autoridades de Kíiv informaron esta cuarta feira de que cinco persoas morreron en ataques rusos nas últimas horas.
O letón Ivars Abolinsh. (Foto: LETA)
photo_camera O letón Ivars Abolinsh. (Foto: LETA)

"Agora vivimos nun espazo de información onde o idioma ruso domina por completo e isto incluso despois de que 121 medios de comunicación asociados con Rusia foran excluídos do espazo de información de Letonia", defendeu esta cuarta feira Ivars Abolinsh, director do Consello Nacional de Medios de Letonia.

Entre os medios vetados por Riga están algúns próximos ao Kremlin mais tamén opositores, nunha medida que recibiu as críticas de Reporteiros Sen Fronteiras.

Asemade, Abolinsh insistiu en que "hai un ano o dominio [do ruso nos medios] era maior" e negou que se estea a limitar os dereitos da poboación rusofalante. En Letonia hai máis de 200.000 persoas apátridas, máis dun 10% da poboación, ao resolver após a separación da Unión Soviética negar a cidadanía á poboación de orixe non letoa.

Guerra en Ucraína

No que atinxe á guerra en Ucraína, as autoridades de Kíiv informaron esta cuarta feira de que cinco persoas morreron en ataques rusos a terza feira, á vez que Moscova elevou até 89 os falecementos polos ataques ucraínos a soldados acuartelados en Makivka o 1 de xaneiro.

Ademais, os militares rusos destacaron os combates en Drozhnianka, na rexión de Donetsk, sostendo que frearon unha contraofensiva das Forzas Armadas ucraínas, á vez que Kíiv asevera que foron destruídos dous almacéns de armas de Rusia en Bakhmut.

Ao respecto da súa capacidade militar, as autoridades rusas celebraron a posta en marcha dunha fragata que dispón de mísiles hipersónicos, e que ten previsto percorrer os océanos Atlántico e Índico e o mar Mediterráneo.

A nivel diplomático, Varsovia criticou Kíiv por unha publicación nas redes sociais do Parlamento ucraíno na que aparecía unha imaxe do colaborador nazi ucraíno Stepan Bandera, reivindicado pola extrema dereita.

Comentarios