Discurso de Fin de Ano

Kim Jong-un reconsideraría a desnuclearización se Washington mantén a presión sobre Pyongyang

Tamén en Corea do Norte se estila un discurso do máximo líder político co motivo da chegada do novo ano. Desta volta, Kim Jong-un mostrou a vontade de Pyongyang a ter unha nova cimeira con Donald Trump, mais á vez advertiu que os avanzos cara á desnuclearización son fráxiles e dependen de que os EUA cesen na súa política de sancións e de manobras militares conxuntas con Seúl.

kim
photo_camera Kim Jong-un

Distensión, si, mais con consecuencias prácticas e verificábeis. Esa é a esencia do discurso que pronunciou nos estertores de 2018 o líder nor-coreano, un estadista que en 2018 mostrou as súas dotes diplomáticas ao protagonizar cimeiras cos xefes das dúas maiores potencias do planeta, os EUA de Donald Trump e a China de Xi Jinping.

A retórica de Kim é clara: Pyongyang continúa comprometido co programa de desnuclearización —o país xa tería capacidade para atinxir solo estadunidense cos seus míseis intercontinentais— sempre é cando os EUA cumpran coa súa parte. A saber, que poñan fin ás sancións ao país socialista e que cese nas súas manobras militares con Seúl.

Nunha alocución de arredor de 30 minutos, o tamén líder do Partido dos Traballadores de Corea deixou claro que o seu goberno sopesaría unha "mudanza de rumo" se os EUA mantén a presión —económica e militar— sobre Pyongyang. A vontade de diálogo patentizouna ao afirmar que estaría disposto a ter unha nova cimeira con Trump.

Comentarios