Proceso ao procés

Junqueras, no xuízo: "Nada do que fixemos é delito"

O xuízo ao independentismo catalán, na súa terceira sesión, ofreceu esta quinta feira unha das imaxes máis agardadas, a de Oriol Junqueras a ser interrogado no Tribunal Supremo. É o primeiro testemuño que prestan as 12 persoas acusadas nesta causa contra o independentismo catalán. En exercicio dos seus dereitos, Junqueras só admitiu perguntas da súa defensa. "Estou nun xuízo político", dixo antes de se autocualificar como "preso político". "Nada do que fixemos é delito", resumiu. 

junqueras
photo_camera Junqueras

Junqueras tomou a palabra após a quenda para a avaliación por parte do tribunal das cuestións previas formuladas polas defensas —entre outras cousas a sala rexeitou admitir Carles Puigdemont como testemuña no xuízo. Destacados xuristas, como o catedrático de Dereito Constitucional Javier Pérez Royo, consideran que prescindir do concurso do president no exilio quebranta o dereito á defensa das persoas acusadas e constitúe un atranco obxetivo no estabelecimento da verdade sobre os feitos que se están a axuizar.

"Votar non é delito. Celebrar un referendo non é delito. Votar non é delito. Non figura no Código Penal como tal. É máis, o lexislador quitouno explicitamente do Código Penal", afirmou con vehemencia o líder de ERC e ex vicepresident do Govern catalán. Díxoo despois de xustificar por que non aceptaba submeterse ao interrogatorio nen da Fiscalía nen da Avogacía do Estado nen da acusación popular de Vox: "Estou nun xuízo político. Acúsaseme polas miñas ideas e polos meus feitos. Por iso renuncio a contestar as acusacións".

Nada do que fose dicir variaría nen a posición predeterminada das acusacións nen tampouco dos xuíces, veu argumentar Junqueras, quen, a partir desa concepción, aproveitou o interrogatorio para defender a causa "cívica, democrática, pacífica e republicana" do independentismo catalán.

"Estou nun xuízo político. Acúsaseme polas miñas ideas e polos meus feitos. Por iso renuncio a contestar as acusacións"

Como o resto das persoas acusadas Junqueras dispuña da opción de se expresar en catalán perante a sala, mais optou por o facer en español. Aínda que admitiu que ao non falar na súa lingua materna o seu relato podía perder matices, argumentou que "sería un pracer" falar en castelán para así se dirixir directamente "ao conxunto da cidadanía española". 

O interrogatorio a Junqueras comezou por volta das 10.58 minutos. Ás 12 horas a sala abriu un receso de 30 minutos, lapso a partir do cal o avogado do líder de ERC, Andreu Van den Eynde, inquiriu ao seu defendido sobre os acontecimentos dos días 20 e 21 de setembro de 2017 cando miles de persoas se concentraron diante da sede da Consellaría de Economía, sita no centro de Barcelona. "En ningún momento se me notificou o rexistro [que a policía realizou nas dependencias do Govern]", dixo Junqueras, quen o atribuíu a que o titular do xulgado número 13 de Barcelona, o que instruíu as primeiras dilixencias deste procedimento, "debía considerarme sospeitoso". Sospeitoso non por oferecer indicios dun comportamento delictivo, senón pola natureza das súas ideas políticas, alegou, dado que o xuíz é un connotado anti-independentista como ten demostrado nas súas redes sociais, arguíu Junqueras.

Sobre o comportamento das persoas que protestaban diante da sede da Consellaría, Junqueras, quen dixo ter acudido con normalidade ao seu despacho naquel edificio e ter intercambiado saúdos amábeis cos gardas civís sen ver neles ningún sinal de alarma, afirmou ter visto "unha actitude pacífica, respeitosa e con cánticos como o Virolai, un canto relixioso dedicado á nai de Deus non susceptíbel de ningunha interpretación tumultuaria", dixo en ton irónico.

No capítulo final do interrogatorio, Van den Eynde interesouse por coñecer determinados pormenores dos acontecimentos do 1 de outubro, o día en que se produciron cargas policiais contra as e es electores cataláns que acudiron ás urnas para votar no referendo de autodeterminación. Para refutar a tese das acusacións, Junqueras dixo que en ningún momento o Govern tivo a impresión de que se puidese desencadear ningún episodio de violencia durante a realización da consulta, sendo que todas as manifestacións realizadas en Catalunya polo movimento favorábel á independencia foran absolutamente pacíficas. 

A violencia quen a puxo foi o estado, deixou entrever con clareza Junqueras: "Votar non é un delito. Impedir que se vote si que o é", afirmou e  a seguir aludiu ás accións represivas despregadas pola policía española: "É obvio, viuse en todas as televisións do mundo, como mallaba en xente que non facía nada, como utilizaban material prohibido pola lei como as pelotas de goma. Houbo unha violencia inxustificada que contraviña o mandato xudicial", alegou.

"Votar non é un delito. Impedir que se vote si que o é"

Junqueras tamén negou que se destinase nin só euro á realización do referendo, tal e como tamén acabaron por recoñecer a intervención xeral do estado e os naquela altura presidente do goberno central e ministro de Facenda, Mariano Raxoi e Cristóbal Montoro, respectivamente.

Sobre as 13.07 concluíu o interrogatorio ao cargo político máis relevante de todos aqueles que se xulgan no Supremo, un Oriol Junqueras que puxo o ramo ao seu testemuño cunha frase —"estou aquí para asumir todas as miñas responsabilidades, para que non se lle exixan a ningúen máis"— que inevitabelmente fixo a audiencia pensar na figura de Carles Puigdemont, quen seguiu a sesión vía internet desde o seu exilio de Waterloo.

Comentarios