Aberta oficialmente a investigación por crimes de guerra en Palestina

A Fiscalía do Tribunal Penal Internacional confirmou o inicio dunha investigación sobre os supostos abusos cometidos desde xuño de 2014, logo de cinco anos de pescudas preliminares
fatou_bensouda
photo_camera A fiscal do Tribunal Penal Internacional, Fatou Bensouda (Nacións Unidas)

A Fiscalía do Tribunal Penal Internacional (TPI) anunciou onte a apertura dunha investigación polos supostos crimes cometidos nos Territorios Palestinos. A Autoridade Palestina (ANP) recorreu ao TPI para que determinase se Israel cometeu crimes de guerra. A Fiscalía xa considerara nunha primeira avaliación que había indicios para abrir unha investigación formal. Porén, non foi até o 5 de febreiro cando A Haia ─sen entrar a valorar as acusacións─ aclarou as dúbidas en materia de competencia.

A Fiscalía, agora xa coas garantías sobre xurisdición do TPI, confirmou o inicio dunha investigación sobre os supostos abusos cometidos desde xuño de 2014, logo de cinco anos de pescudas preliminares. Faino prometendo que examinará o caso de forma "independente, imparcial e obxectiva", en aparente resposta ás dúbidas suscitadas en Israel e noutros países como os EUA.

A fiscal Fatou Bensouda, que pediu colaboración a todas as partes, esgrimiu que, ao igual que no seu día desbotou examinar o asalto israelí ao barco Mavi Marmara da Flotilla da Liberdade en 2010, no caso presentado pola ANP suscítanse indicios "razoábeis" sobre situacións que si poderían ser valorados polo TPI.

En teoría, no radio de acción dos investigadores tamén estarían as accións cometidas polas milicias palestinas, que poderían ser sinaladas canda a Israel. 

Reaccións

A ANP celebrou a través dun comunicado o anuncio de Bensouda, por entender que avanza cara á rendición de contas, unha das premisas que considera indispensábel para lograr a paz na zona, segundo a axencia WAFA.

Porén, para o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, toda esta investigación é "puro antisemitismo". "Decidiuse que os nosos valentes soldados que loitan contra os crueis terroristas son en realidade os terroristas", lamentou, segundo The Jerusalem Post.

Comentarios