Israel bombardea de novo Gaza

Finalizada a tregua de 72 horas sen acordo de a prolongar, o exército israelita encetou novos ataques contra a Faixa, din, en resposta aos foguetes lanzados por Hamas. Unha crianza foi asasinada.

Concentración no Obradoiro
photo_camera Concentración no Obradoiro

A organización islámica, Hamas, nega ter algo a ver co lanzamento de foguetes desde Gaza. Porén, o exército israelita asegurou que dous proxectís caeran no sul do Estado de Israel e que en resposta o Tashal reanudaría a ofensiva contra a Faixa. 

"Cada lanzamento dun foguete por parte de Hamas ten como obxecto matar civís israelitas. Cada foguete é un crime de guerra", afirmou un mando militar desde o Estado de Israel en clara resposta ás investigacións que desenvolverá o Comité de Dereitos Humanos das Nacións Unidas polas vulneracións do dereito internacional que supuxo a operación 'Bordo Protector' deseñada polo executivo de Benjamin Netanyahu.

As hostilidades foron encetadas horas despois de se concluír a tregua de 72 horas acordada entre o goberno de Tel Aviv e as organizacións palestinas. Logo da cal non se produciu unha prolongación se ben, aseguraron fontes das delegacións desprazadas no Cairo, as conversas entre elas. 

Asasinada unha crianza en Yabalia

Nesta nova onda de ataques morreu asasinada unha crianza no campo de refuxiad@s de Yabalia, segundo informou o Ministerio de Saúde da Faixa. Aliás, resultaron feridas outras cinco persoas froito de seis bombardeos que peinaron todos os sectores de Gaza, de acordo co relato achegado polas forzas armadas israelitas. 

Cóntanse por milleiros as persoas que están a abandonar as súas moradas no norte e leste da Faixa de Gaza perante o medo polos novos ataques.

Comentarios